Publicidade
Contacto
|
*Oito candidaturas optan á III Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa
· O gañador darase a coñecer o 10 de abril
Redacción 14 de febreiro de 2007 Oito candidaturas optan á III Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, unha iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova. Os finalistas son César Hildebrant, Felipe Suárez, Gervasio Sánchez, Gorka Landaburu e o xornal Euskadunon Egunkaria, Jon Lee Anderson, as fotoxornalistas Marisa Flórez e Queca Campillo, Tomás Alcoverro e Pedro Nolasco.
Ademais, dende onte está aberto o prazo de votacións para elexir ao gañador, que se dará a coñecer o 10 de abril. A organización do premio quere salientar o alto número de candidaturas presentadas e o feito de que varias delas chegaran dende fóra de Galiza, o que da a entender a proxección que o premio está a ter dende a súa creación.
Sobre os candidatos
César Hildebrant é o xornalista de maior traxectoria, recoñecemento e credibilidade en Perú; Felipe Suárez, xornalista e presidente de honra da Fundación Galega contra o Narcotráfico, realizou numerosas campañas de sensibilización cidadá sobre o problema da drogadicción; Gervasio Sánchez leva traballando medio cuarto de século en zonas de conflicto de todo o mundo; a candidatura de Gorka Landaburu e do xornal Euskadunon Egunkaria preséntase como recoñecemento ao colectivo de xornalistas do Pais Vasco; Jon Lee Anderson é un destacado xornalista estadounidense do semanario The New Yorker; as fotoxornalistas Marisa Flórez e Queca Campillo recibiron a nominación pola súa visión particular e independente da Transición; o xornalista barcelonés Tomás Alcoverro é o correspondente do xornal La Vanguardia en Oriente Medio dende 1970; e, finalmente, o xornalista exiliado Pedro Nolasco, actual correspondente de RSF en Guinea Ecuatorial, é un activista comprometido ante os atentados contra a liberdade de prensa.
Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Desde onte, 13 de febreiro, poden emitir os seus votos por correo ordinario, que serán admitidos até o día 22 de marzo (data de franqueo de correos). A continuación abrirase o prazo para a emisión de votos por internet, o 5 de marzo, mediante a páxina web do certame, en www.xornalistas.com/couso. As persoas que emitan o seu voto por correo ordinario fican automaticamente excluídas do voto por correo electrónico. Este péchase o 28 de marzo.
O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa o 10 de abril en Ferrol. O premiado recibirá a escultura Ás Ceibes, creada por Manuel Patinha, nunha gala que se celebrará no mes de maio en Ferrol.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientábel traxectoria profesional, libre e independente. Caixanova, sensíbel ao desenvolvemento do exercicio profesional dos xornalistas, ofrece o seu apoio decidido para materializar a iniciativa. As dúas primeiras edicións foron para o xornalista marroquí Ali Lmrabet e para o xornal francés Le Monde Diplomatique.
José Couso foi disparado o 8 de abril de 2003 mentres realizaba o seu traballo para os informativos de Tele5. No mesmo ataque faleceu o tamén cámara ucraniano Taras Protsyuk. Os organizadores queren personalizar na figura de Couso a todos aqueles xornalistas, galegos ou non, que cada ano son asasinados, maltratados ou privados dos seus dereitos como persoas e como informadores.
Toda a información sobre o premio e as memorias cos datos dos candidatos estará accesible en www.xornalistas.com/couso
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|