ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*A Mesa exíxelle á Consellaría de Educación medidas urxentes para a galeguización do ensino
· A organización asegura que nada impide comezar a traballar antes da aprobación do novo decreto

Chuza! esta nova!
Redacción 14 de febreiro de 2007 Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e Francisco Rei, responsábel nacional da Mocidade pola Normalización Lingüística, compareceron onte ante os medios de comunicación para exixirlle á Consellaría de Educación, que dirixe Laura Sánchez Piñón, que avance na elaboración do decreto de galeguización do ensino non universitario, que, segundo as estimacións da propia Consellaría, debería estar listo no mes de marzo para poder entrar en vigor o vindeiro curso.

Os dirixentes da Mesa recordáronlle a Sánchez Piñón que debe facer cumprir coa Carta Europea das Linguas, que sinala que o ensino en Galiza debe ter como vehículo normal o galego. “Non pode escudarse na oposición do PP a algunhas das medidas propostas para este decreto para non gobernar, porque agora non está á fronte do goberno o PP, senón unha coalición que ten que cumprir coas súas promesas electorais”, indicou Carlos Callón, presidente da Mesa.

Neste sentido, Francisco Rei, responsábel da Mocidade pola Normalización Lingüística, indicou que “se a Conselleira defrauda as nosas esperanzas, verémonos da obriga de retomar durante este curso o calendario de mobilizacións do estudantado non universitario, que demostrou un grande compromiso coa lingua no paro do pasado oito de novembro, mesmo en ámbitos como o do ensino privado”. Rei manifestou que “independentemente do decreto, ten que haber medidas concretas xa”.

“Non se trata só de porcentaxes”, explicou Callón, en referencia ás filtracións publicadas en diferentes medios de comunicación, nas que se asegura que a porcentaxe de ensino en galego no borrador do novo decreto sería unha lectura restrinxida do Plan de Normalización Lingüística, que contempla tan só un cincuenta por cento, “senón de que se faga un esforzo importante nas escolas de maxisterio e nas oposicións de ensino secundario, que deben ter cando menos un cincuenta por cento dos exames en galego, para que os mestres e profesores estean preparados para impartir as súas clases nesta lingua a partir do vindeiro curso”.

Ademais, Carlos Callón anunciou que A Mesa xa solicitou unha reunión de urxencia coa Conselleira para saber de primeira man cal é a situación da negociación do decreto cos tres grupos parlamentares.

Na conferencia de imprensa expúxose que non hai ningunha outra comunidade autónoma en todo o Estado español que teña un modelo educativo tan precario para a lingua propia. Mesmo en comunidades gobernadas polo PP, como Navarra e Valencia, dan pasos adiante no uso do seu idioma propio no ensino, e noutras como Balears, tamén gobernada polo PP, entre o 45 e o 70% dos centros (segundo a etapa educativa) teñen o catalán como lingua vehicular, ministrando en castelán só a materia de lingua e literatura española.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Creative Commons License
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons.

© ArroutadaNoticias.com