Publicidade
Contacto
|
*R ofrecerá servizo de telefonía móbil
· O lanzamento destes novos servizos poderá realizarse arredor do derradeiro trimestre do ano 2007
· R centrará a súa atención prioritaria nos seus clientes actuais
Redacción 14 de febreiro de 2007 R, o operador galego de comunicacións por fibra óptica, chegou a un acordo con Vodafone España para ofrecer servizos de telefonía móbil. A estratexia de R para a prestación de servizos de telefonía móbil é realizar os investimentos necesarios, desta volta estimados a medio prazo, arredor de 60 millóns de euros, para respostar ao reto da integración de todos os servizos nunha única rede. Deste xeito R pode garantir a calidade e capacidade de diferenciación en todos os seus produtos e servizos.
De feito, durante o 2006 a compañía galega xa realizou a migración completa dos seus sistemas de facturación, que quedaron preparados para incorporar esta nova gama de servizos de mobilidade.
R integrará nela toda a gama de servizos de telefonía móbil ademais de incluír os equipos que proporcionan SMS (mensaxes curtas), MMS (mensaxes multimedia), acceso a internet, datos e todo o conxunto de servizos avanzados e de valor engadido no ámbito da mobilidade. Segundo afirmou o conselleiro delegado de R, Arturo Dopico "este paso supón seguir na estratexia comercial prevista na liña de manter e incrementar as vantaxes que supón ser un operador de servizos integrados de telecomunicacións para os fogares e para as empresas. R ofrecerá os servizos de telefonía móbil conxuntamente cos servizos de televisión dixital multicanle, teléfono e internet de alta velocidade a través da súa rede de fibra óptica, simplificando e rendibilizando as comunicacións do cliente, que recibe unha única factura e resolve todas as súas necesidades cun só centro de atención ao cliente e un centro de operación e mantemento propios".
Ademais, R ampliará a súa actual oferta de servizos dirixidos ás empresas e profesionais co lanzamento de tarifas combinadas de datos en banda ancha e 3G, e potenciación de aplicacións como o correo electrónico e ferramentas de produtividade persoal, e en xeral o actual catálogo de servizos de aloxamento avanzado e data center de R.
O lanzamento de estes novos servizos poderá realizarse ao redor do último trimestre do ano 2007. R centrará a súa atención prioritaria nos seus clientes actuais. O operador galego de comunicacións por fibra óptica, conta na actualidade con máis de 220.00 clientes, entre particulares e empresas, e pode dar servizo a 578.00 fogares e locais empresariais. Ata o momento investiu en Galiza 500 millóns de euros para despregar a rede de fibra óptica nas principais cidades da comunidade e outras localidades importantes, ademais de estar presentes nos 21 grandes polígonos industriais galegos. A compañía galega pechou o ano 2006 cun resultado operativo (ebitda) de 62,5 millóns de euros, un 42,5% sobre ingresos netos.
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|