ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Quintana afirma na presentación de Dominga Brión que “hai posibilidade dun cambio en Ribeira, e ese cambio vai ser liderado polo BNG”
• A candidata nacionalista promete apoiar os sectores produtivos, dotar o concello das infraestruturas necesarias e “aumentar a calidade de vida dos ribeiráns”

Chuza! esta nova!
Redacción 08 de febreiro de 2007 “Os veciños de Ribeira son conscientes de que é posíbel o cambio. E é necesario que este cambio político estea liderado polo BNG”, afirmou o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, no acto de presentación de Dominga Brión, que tivo lugar na Casa do Mar deste concello.

“Dominga vai ser a primeira muller en dirixir o concello, porque os nacionalistas chegamos a estas eleccións municipais cos deberes feitos, tras catro anos de traballo intenso na oposición”, dixo. O vicepresidente do goberno galego sostivo que “cando o BNG goberna nun concello, o concello é de todas e todos, e non propiedade particular do alcalde de turno”.

As eleccións municipais do 2007 son unha excelente oportunidade para que os concellos se “sumen ao cambio galego”, abandonen “certas prácticas políticas proprias do século XIX” e pasen “a ocuparse dos problemas da xente”, segundo o líder nacionalista. “Galiza ten agora un goberno que aposta pola cultura, pola creación de emprego, polo dereito dos cidadáns a recibir servizos sociais, por revitalizar o medio rural, pola vivenda social”, afirmou, ao tempo que prometeu todo o apoio da Xunta, e en especial das consellarías dirixidas polo BNG, para Ribeira.

Discurso de Dominga Brión
A candidata nacionalista citou a Castelao, convencida de que “os soños primeiro, e as ideas despois, producen cambios históricos” e prometeu rematar coa longa etapa de goberno conservador en Ribeira. “Pero é importante que sexamos nós, os nacionalistas, os que tripulemos o cambio”, precisou.

Brión resumiu no seu discurso as principais propostas de goberno para a vila d'A Barbanza. Destacou o apoio aos sectores produtivos, citando a pesca e a industria, e apostou por “potenciar o comercio e o turismo”. Lembrou especialmente a importancia para o desenvolvemento comarcal do polígono que van promover as consellarías de Industria e Vivenda, entre os concellos de Ribeira e Póvoa do Caramiñal.

Ademais, a actual portavoz do BNG apostou por “mellorar a calidade de vida das cidadás e cidadáns” e por dotar ao concello das infraestruras necesarias. En concreto, lembrou que as veciñas e veciños reclaman unha circunvalación, máis aparcadoiros, un mercado municipal, unha estación de autobuses e un matadoiro.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Creative Commons License
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons.

© ArroutadaNoticias.com