Publicidade
Contacto
|
*A CIG non negociará abrir Caixa Galiza polo serán
Redacción 07 de febreiro de 2007 Onte o Director Xeral de Caixa Galiza, nunha rolda de prensa convocada para presentar os resultados do exercicio correspondente ao ano 2006, anunciou a intención de negociar coa representación sindical a apertura de determinadas oficinas todos os días polo serán. Dende a CIG queren deixar clara a súa rotunda oposición a esta medida.
"O Director Xeral, coas súas declaracións, dá mostras de estar totalmente fóra da realidade laboral que se vive hoxe en Caixa Galiza", indican desde a sección de Banca e Caixas de Aforros da CIG. "Dende hai un ano a empresa está atravesando por un conflito laboral motivado pola posta en marcha dun novo modelo organizativo propio do peor dos Bancos. José Luís Méndez está reestruturando a empresa co fin de privatizala mediante a saída á Bolsa das cotas participativas", afirman.
Segundo informan dende o sindicato nacionalista o pasado ano 2006 en torno a 400 apoderados/as foron trasladados, cesados ou presentaron a dimisión, sobre un colectivo de algo máis de 2.000 persoas. No caso do persoal administrativo non hai datos, xa que son movementos que non pasan polo Consello de Administración da Entidade.
Dende a Confederación Intersindical Galega, sindicato maioritario nesta empresa en Galiza cunha representatividade do 48%, veñen realizado mobilizacións sindicais dende o mes de xuño do 2006, con concentracións en Compostela, Lugo, Pontevedra e multitudinarias Asembleas de traballadoras e traballadores en Vigo, Pontevedra, Lugo, Ourense, Compostela, Ferrol e A Coruña.
A última protesta laboral tivo lugar o pasado día 20 de xaneiro, cando a CIG e CCOO se concentron conxuntamente ante a Convención Anual de Directores/as de Caixa Galiza para denunciar "a presión e o acoso laboral a que está sometido o cadro de persoal" indican.
Segundo indican parte desta presión tería como obxectivo que o persoal estenda ilegalmente a súa xornada laboral polo serán, feito que levou á CIG a denunciar en numerosas ocasións ante as Inspección de Traballo, a última o pasado día 5 de febreiro.
"Pretender empeorar as condicións laborais do persoal de Caixa Galiza, como anunciou o Director Xeral, só pode supoñer dar un salto cualitativo no conflito laboral que arrastramos dende hai un ano" sentencian.
Ante esta situación, dende a Confederación Intersindical Galega anuncian que "non negociaremos a extensión do horario en Caixa Galiza e que, en todo caso, non desbotamos a convocatoria dunha Folga na empresa ante a difícil situación que está a vivir o cadro de persoal baixo a Dirección de José Luís Méndez".
RELACIONADO:
*600 traballadores e traballadoras de Caixa Galiza dixeron NON á presión
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|