Publicidade
Contacto
|
*Laxe acusa ao “candidato Orozco” de traficar cos postos de traballo do CETAL
• O voceiro do BNG afirma que o PSOE está prometendo empregos no Centro Tecnolóxico Agroalimentario antes de que se constitúa e se defina o seu plantel
• Os nacionalistas abstivéronse no pleno na votación sobre os estatutos por existir moitas dúbidas sen aclarar en torno ao funcionamento deste Centro
Redacción 07 de febreiro de 2007 O voceiro municipal do BNG no Concello de Lugo, Xosé Anxo Laxe, acusou onte ao alcalde, José Clemente López Orozco, de “traficar cos postos de traballo do Cetal”, o Centro Tecnolóxico Agroalimentario prometido para Lugo. Laxe revelou que “o candidato Orozco está prometendo un emprego no Cetal a dúcias de persoas, igual que facía o señor Cacharro, antes de que o centro se constitúa e se defina o seu plantel”.
O voceiro do BNG explicou que “esta é a mesma técnica que Orozco seguiu neste mandato no Concello e que agora quere extender ao Cetal”, prometendo a mesma praza a ducias de persoas que se atopan en expectativa de colocación, para así crear unha rede de votos por emprego.
Xosé Anxo Laxe explicou os motivos da abstención do BNG no pleno celebrado para a aprobación dos estatutos e da memoria económica do Cetal. Os nacionalistas temen que o Cetal non cumpra os criterios para ser considerado un Centro Tecnolóxico e abstivéronse logo de presentar unha serie de preguntas para coñecer en profundidade que é o que se quere facer e ás que Orozco non deu resposta. Os requisitos que debe cumprir un organismo se quere formar parte da Rede Estatal de Centros Tecnolóxicos son que os ingresos, no cuarto ano, teñen que superar o millón de euros, e dos que o 40% do total debe proceder das empresas que estean implicadas e outro 25% das actividades de I+D+i do centro. Segundo dixo Laxe, non hai garantía ningunha, á vista da memoria económica presentada, de que isto se vaia cumprir, e existen tamén dúbidas fundadas sobre o funcionamento do centro e a súa capacidade de creación de emprego.
Neste sentido, o voceiro do BNG no Concello de Lugo, fixo referencia ao anuncio do secretario de Organización do PSOE, José Blanco, en plena campaña das eleccións xerais do 2004, cando prometeu que o Cetal serviría para crear en catro anos 15.000 postos de traballo, deles 3.000 directos en Lugo. Laxe explicou que “de nada diso se fala no proxecto presentado ao pleno” e indicou que “ninguén en Lugo se cre xa as promesas do señor Pepe Blanco e do candidato Orozco”.
A posta en marcha do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo precisará dunha aportación económica de 31 millóns de euros nos primeiros seis anos, dos que o Concello de Lugo porá 5 millóns de euros. A cambio, o alcalde terá un posto no patronato da Fundación que rexerá o centro.
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|