ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Cinema
Sección coordinada por Bruño Fraga Bugallo

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns


*O Cineclube estrea en Compostela Bs. As., de Alberte Pagán, co seu director


Chuza! esta nova!
Redacción 06 de febreiro de 2007 O Cineclube estrea en Compostela Bs. As. (Galiza, 2006), o último filme do cineasta do Carballiño Alberte Pagán o mércores 7 de febreiro, ás 22:00 da noite no local social O Pichel (Santa Clara, 21). O filme contará con a presenza do director galego, que xa dirixiu obras como Conversas em Zapatera, Como foi o conto e Os Waslala, e que se ten destacado como a principal figura do cinema experimental na Galiza, tanto na súa faceta de realizador como na de investigador. Bs. As. foi xa amosado aí acabando 2006 na sección "Llendes" do Festival Internacional de Cinema Independente de Xixón e vén de ser seleccionado para a competición oficial no Festival Internacional de Cinema Documental de Nafarroa "Punto de Vista", un certame de referencia para o cinema documental europeo.

Nas palabras de Xurxo González, "Bs. As. narra a historia dos familiares de Alberte Pagán na Arxentina. A narración oral e a lectura de e-mails serven como escusa para facer unha "sinfonía da cidade" de Bos Aires. Pagán evidénciase, o autor faise palpábel na enunciación, parte da súa historia familiar para retratar a cidade e facer unha reflexión sobre o paso do tempo. Pagán chega a Bs. As. despois de varias obras descoñecidas de experimentación e afianzamento no medio audiovisual (Como foi o conto e Os Waslala). Mais, para comprender os seus presupostos audiovisuais, hai que (re)perfilar a súa traxectoria e fixarse na súa faceta de investigador cinematográfico, xa que é unha das maiores autoridades europeas no cinema experimental".

Pagán foi quen de (re)activar no noso país a corrente audiovisual, a do cinema experimental, que fuxe dos visionados amábeis e compracentes e procura a reflexión visual do espectador. Un filme-ensaio nacido da experimentación da vangarda de entreguerras e da tecnoloxía dixital de comezos do século XXI, co que se quere deixar patente as condicións e natureza do medio.

A proxección realizarase na súa versión orixinal en galego, sendo de balde para os socios e socias do Cineclube. Como feito excepcional e con motivo da charla que realizará o director, cobrarase ás non socias e non socios unha entrada con valor dun euro.

Voltar a Cinema
Ir á Portada



Creative Commons License
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons.

© ArroutadaNoticias.com