Publicidade
Contacto
|
*Via Galego e a Concellaría de Cultura de Santiago convidan a aprender portugués “em 25 segundos”
• Dípticos e marcapáxinas dan as claves aos lectores para se achegaren á literatura da lusofonía
Redacción 05 de febreiro de 2007 O concelleiro de Cultura de Santiago, Néstor Rego, e a vicepresidenta da Fundación Via Galego, Susana Romero, presentaron esta mañá na Casa do Concello a campaña “Aprende em 25 segundos a ler em português”, froito do convenio de colaboración entre os dous organismos. O obxectivo da iniciativa é achegar aos lectores as claves para poder acceder á rica cultura escrita que se produce nos países da lusofonía, distribuídos polos cinco continentes, así como “derrubar as barreiras psicolóxicas para a proximación cultural alén Miño”.
Para iso, xa se están a repartir nas librarías da cidade e en centros de ensino secundario dípticos e marcapáxinas nos que se explican algunhas das equivalencias máis xerais entre a ortografía portuguesa e a galega, diferenzas que non son obstáculo para a intercomunicación nin rompen a unidade estrutural básica.
“Aínda que a maioría da poboación non sexa consciente, como coñecedores do galego temos unha capacitación básica que nos permite acceder a diversos produtos culturais en portugués”, explicou Néstor Rego, quen asegurou que “en Compostela é posíbel achar un importante número de títulos da literatura portuguesa ou brasileira, e é unha vantaxe poder lelos na súa lingua orixinal”. “Non se entendería que, podendo dominar o portugués, se desaproveitase a oportunidade de acceder a toda unha rica cultura”, sinalou o concelleiro.
Pola súa banda, Susana Romero asegurou que “para todas as persoas con coñecementos de galego é facilísimo achegarse á cultura escrita en portugués”, e informou de que todas as entidades e centros culturais que queiran facerse co material poden conseguilo a través da Fundación Via Galego.
Susana Romero recordou que “o portugués é oficial nun territorio que ocupa case 11 millóns de quilómetros cadrados e unha poboación de 222 millóns de persoas, cunha importantísima produción cultural que non nos pode ser allea por máis tempo”.
Algunhas das equivalencias máis xerais
| lh=ll |
nh=ñ |
-m=-n |
j=x |
gi, ge=xi, xe |
ç=z |
ss=s |
-ão=-ón/-án |
-ães=án |
| coelho=coello |
minha=miña |
um=un |
hoje=hoxe |
gigante=xigantes |
paço=pazo |
passar=pasar |
alemão=alemán |
alemães=alemáns |
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|