Publicidade
Contacto
|
*Aberto o prazo de presentación de candidaturas para o II Premio Manuel María á dignidade nacional
• A AS-PG, a Mesa pola Normalización Lingüística, CIG-Ensino e a Asociación de Escritores en Lingua Galega colaboran na organización deste galardón
Redacción 02 de febreiro de 2007 As candidaturas para o II Premio Manuel María á dignidade nacional poden presentarse desde o día 1 de febreiro até o vindeiro 10 de abril de 2007, segundo explicaron onte nunha conferencia de imprensa celebrada no Concello de Santiago os representantes das diferentes entidades organizadoras. A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), A Mesa pola Normalización Lingüística, CIG-Ensino e a Asociación de Escritores en Lingua Galega son as convocantes do galardón, que recoñece a persoas e entidades que traballan polos ideais que Manuel María defendeu e practicou.
No acto de presentación das bases, Néstor Rego, primeiro tenente de alcalde de Santiago, fixo fincapé na forte relación que uniu a Manuel María coa capital galega, onde se vai entregar o premio o 28 de abril deste mesmo ano. Pola súa banda, Xoán Costa, presidente da AS-PG, sinalou que o certame, que se enmarca dentro dunha serie de actividades de recoñecemento que comezaron un ano despois do falecemento de Manuel María, ten como obxectivo manter vivos os ideais polos que loitou na súa vida, e reivindicar o valor social da súa figura.
O papel activo do autor a prol da galeguización do ensino foi louvado por Anxo Louzao, de CIG-Ensino. Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, destacou a importancia da obra literaria destinada ao público infantil e xuvenil do intelectual homenaxeado, que “escribiu para os nenos cando había unha importante carencia deste tipo de materiais cos que poder traballar nas escolas” e salientou o seu labor como “defensor de Galiza e da cultura galega”.
Ao II Premio Manuel María á dignidade nacional, que o ano pasado recibiu Bautista Álvarez, poden optar tanto persoas coma organizacións. Nesta convocatoria, as candidaturas, ademais de por unha terceira persoa, poden ser presentadas polo propio candidato. As organizacións convocantes non forman parte do xurado, senón que este estará conformado por persoas independentes. O premio consistirá nunha peza deseñada por Francisco Xosé Pérez Porto, e tamén se entregará un diploma acreditativo do galardón.
Podes descargar as bases do premio (en pdf) aqui
Para obter máis información, pódese acceder á web www.manuelmaria.com.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|