ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*500 persoas concéntranse diante do Parlamento para lembrar aos deputados o seu deber de promoveren o galego
• Convocado pola Mesa pola Normalización tamén se sumaron CIG-Ensino, Galiza Nova, Comités e CNT a este acto simbólico fronte ao Parlamento no que se defendeu o dereito ao ensino en galego

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 01 de abril de 2009 Arredor de cincocentas persoas, segundo os convocantes, concentráronse esta mañá fronte ao Parlamento de Galiza, en Santiago de Compostela, para recordarlles ás novas deputadas e deputados o seu deber estatutario de potenciaren o emprego do galego e de desenvolveren o estabelecido por acordos unánimes da propia Cámara que seguen sen se aplicar.

Con este acto simbólico, convocado pola Mesa pola Normalización Lingüística e secundado por organizacións como a CIG-Ensino, a organización estudantil Comités, Galiza Nova ou a CNT, quérese reivindicar que nesta nova lexislatura se adopten as medidas precisas en defensa da nosa lingua e non se produzan involucións na garantía dos dereitos lingüísticos, tanto individuais como colectivos.

A derrogación do decreto 124/2007 de promoción do galego no ensino anunciada polo futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, centrou boa parte das consignas coreadas na concentración. O presidente da Mesa, Carlos Callón, recordou en declaracións aos medios de comunicación que o actual decreto conta co apoio “do Consello Escolar de Galiza, de todas as organizacións estudantís, da federación pública de asociacións de nais e pais, da federación de centros católicos, dos sindicatos que representan o 90% do profesorado e dos movementos de renovación pedagóxica” e advertiulle a Feijóo que “non pode caer na tentación de substituílo unilateralmente”.

A concentración desta mañá é a primeira dunha serie de accións nas rúas para evitar a “involución lingüística que anuncia o PP” e que desembocarán na manifestación convocada pola Mesa para o 17 de maio, a cal, segundo o presidente da asociación en defensa da lingua, “ten que ser histórica”. Callón, que xa anunciou en días pasados que a organización vai solicitar entrevistas cos novos responsábeis gobernamentais unha vez que tomen posesión, reclama do Partido Popular “unha postura construtiva coa lingua e coa cultura do país”.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2008 ArroutadaNoticias.com