Publicidade
Contacto
|
*ATESGA denuncia a “persecución” dos axentes da DXT aos técnicos de ambulancias
• A Garda Civil procedeu nos últimos días a identificar condutores que circulaban en servizo de urxencia
Redacción 15 de abril de 2008 A Asociación de Técnicos en Emerxencias Sanitarias de Galiza (ATESGA) quere denunciar que, lonxe de solventarse os problemas relacionados coas sancións impostas a técnicos de emerxencias no exercicio da súa profesión, a Garda Civil de Tráfico iniciou o que ATESGA considera “unha campaña de acoso e persecución aos profesionais das ambulancias”, empregando vehículos camuflados.
Tras a reunión mantida polos responsables da Asociación co director da DXT en Galiza, Pedro José Pastor del Castillo, no mes de novembro pasado, onde recoñeceu que o proceder dos profesionais das emerxencias sanitarias era o correcto, “o único que se conseguiu foi un empeoramento da situación”, segundo confirmou o presidente de ATESGA, Daniel Seoane.
Lonxe de ter resolto as sancións por exceso de velocidade impostas aos conductores o pasado ano, os responsables de Tráfico “ordénanlles aos axentes perseguir e identificar aos conductores de ambulancias en servizo de urxencia e mesmo permitíndose facer valoracións sobre a gravidade dos doentes, como se puido comprobar nos últimos días”, asegura Seoane. “Este feito ocasiona graves atrasos nos servizos, poñendo en perigo a vida das persoas, polo que non comprendemos a finalidade deste exceso de celo”, engade Óscar Graña, voceiro da Asociación.
A directiva de ATESGA comunicará en breve as accións que iniciará para solucionar definitivamente este problema. No entanto, xa contactou oficialmente con distintos axentes sociais para solicitar a colaboración dos sindicatos maioritarios neste asunto e anuncia a constitución dunha mesa de traballo para afondar nos problemas laborais aos que se enfrontan os técnicos de emerxencias sanitarias.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|