Publicidade
Contacto
|
*GalizaBanner alíase con Planeta para reforzar a comercialización das webs galegas
• Planeta Ad Network distribuirá campañas nacionais na rede de soportes GalizaBanner • O acordo garántelles prezos e volume de negocio aos soportes da rede
Redacción 15 de abril de 2008 A axencia de medios interactivos Elogia Media e Planeta Ad Network (PAN), a rede de venda publicitaria online do Grupo Planeta, asinaron un acordo de colaboración para comercializar a nivel estatal a rede de soportes exclusivistas GalizaBanner. Con este convenio, Planeta Ad Network comprométese a cubrir a metade das impresións das webs de GalizaBanner con campañas publicitarias de ámbito estatal, mentres que a outra metade seguirán sendo cubertas con campañas de ámbito galego.
O director xeral de Elogia Media, Rubén López Ferreiro, asegura que este contrato “reforza considerablemente a rede GalizaBanner, pois deste xeito incrementarase o aproveitamento comercial dos seus portais”. López Ferreiro explica que “o acordo con Planeta Ad Network posibilitará que todas as impresións das páxinas da rede teñan anuncios e, en consecuencia, conleven máis ingresos para os seus xestores web; garántese a venda dos seus espazos publicitarios e que esta se realice a un prezo elevado por CPM (Custo Por Mil impresións)”.
O acordo ten unha duración anual, prorrogable. Empezará a percibirse nas webs da rede no mes de marzo. A relación contractual de GalizaBanner cos soportes da rede non se ve afectada por este convenio.
GalizaBanner e Planeta Ad Network
A rede de soportes exclusivistas GalizaBanner xestiona os banners (espazos publicitarios) de máis de 20 portais galegos, entre os cales se atopan as principais cabeceiras galegas, así como os portais independentes con maior cobertura da Comunidade -ArroutadaNoticias.com, entre eles-. Nos últimos meses as súas estatísticas superaron os seis millóns de impresións mensuais, con arredor dun millón de usuarios únicos.
Planeta Ad Network é a filial do grupo Planeta especializada na venda publicitaria de soportes web. Conta con oficinas en Madrid e Barcelona e é un dos referentes no panorama publicitario estatal.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|