Publicidade
Contacto
|
*Galiza e Portugal buscan financiamento europeo para proxectos comúns de cultura, deporte tradicional e patrimonio
Redacción 15 de abril de 2008 Galiza e Portugal queren abrir novos frontes de colaboración nos eidos da cultura, o deporte e o patrimonio. A Consellaría de Cultura e Deporte en colaboración con tres departamentos da administración portuguesa presenta como xefe de fila tres proxectos ao Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg IV A, centrados na potenciación das industrias culturais, os deportes tradicionais e o patrimonio arqueolóxico. Ademais é socio dun cuarto proxecto encabezado pola Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal sobre fortalezas e estruturas defensivas.
A sinatura dos proxectos que se van presentar para a obtención de financiamento do FEDER tivo lugar hoxe na Consellaría de Cultura. A conselleira Ánxela Bugallo asinou os proxectos xunto con varios representantes do Goberno portugués: Helena Gil, responsable da Dirección Rexional de Cultura do Norte; José María da Fonseca, vicepresidente do Instituto do Desporto; e Joaquim Lima, director de ADRAVE (Agência de Desenvolvimento Regional do Vale do Ave).
A Consellaría de Cultura e Deporte é xefe de fila en tres dos catro proxectos que se presentan. O primeiro leva por nome "A industria cultural galego-portuguesa", e conta como socio coa Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal. O proxecto "Os deportes tradicionais, un patrimonio da Eurorrexión" realízase en colaboración con ese mesmo organismo e co Instituto do Desporto. E "Patrimonio arqueolóxico: castros e arte rupestre" ten como socios tamén á Dirección Rexional de Cultura do Norte e á Axência de Desenvolvemento Regional do Vale do Ave. A Dirección Rexional de Cultura do Norte é o xefe de fila do proxecto "Fortalezas e estruturas defensivas da Eurorrexión", no que figura como socio a Consellaría de Cultura.
O obxectivo destes novos proxectos é reforzar a cooperación entre Galiza e o Norte de Portugal en materia cultural. Procúrase poñer en valor o patrimonio compartido, tanto no que se refire á herdanza histórica e cultural común, que se reflicte nos proxectos sobre castros e arte rupestre e sobre as fortalezas, como no patrimonio vivo que representan os xogos e deportes tradicionais.
Outro obxectivo importante dos proxectos é que a cultura sexa un activo do desenvolvemento socio-económico galego e portugués. Nesta liña incide o proxecto referente ás industrias culturais. Procúrase ademais potenciar o fluxo cultural e crear un público receptivo ás propostas que chegan das dúas beiras do Miño.
Os catro proxectos
O proxecto "A industria cultural galego-portuguesa" ten por obxectivo fortalecer a industria cultural dos dous países, e favorecer a circulación de bens e servizos culturais entre Galiza e o Norte de Portugal. Para iso promoverase a cooperación entre empresas, a realización de proxectos culturais conxuntos, a dotación de recursos para a industria cultural das dúas beiras e a creación dun espazo común para a cultura.
O proxecto "Os deportes tradicionais, un patrimonio da Eurorrexión" procura recuperar e poñer en valor os xogos e deportes tradicionais e ao aire libre de Galiza e o Norte de Portugal, co obxectivo de fomentar o seu coñecemento e a súa práctica. Incluirá un estudo de diagnóstico, actividades de formación e difusión e a realización de encontros deportivos.
O proxecto "Patrimonio arqueolóxico: castros e arte rupestre" ten como obxectivo habilitar e dotar de medios e equipamento varios centros de interpretación para a difusión da cultura castrexa e da arte rupestre. Con isto perséguese tanto difundir o patrimonio castrexo e rupestre de Galiza e do Norte de Portugal entre a poboación como atraer expertos investigadores que enriquezan o coñecemento que sobre estes temas existe na área.
Por último, o proxecto "Fortalezas e estruturas defensivas da Eurorrexión" procura recuperar as estruturas defensivas construídas tanto en Galiza como en Portugal na zona fronteiriza. Búscase adaptar as fortalezas a novos usos que axuden a promover o coñecemento deste patrimonio histórico e cultural común.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|