ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Novo disco de GalegoZ: Revolution Dance
· O proxecto GalegoZ nace a finais do 2005 como un experimento de membros do Colectivo Perverso

Chuza! esta nova!
Redacción 27 de abril de 2007 Tras inaugurar con Galician Chimpanzee (Ouvirmos, 2006) a nova etiqueta Aranhoto GalegoZ Style, GalegoZ grava en 2007, de novo con Ouvirmos, o seu segundo elepé: Revolution Dance. Este novo disco benefíciase de contar coa presenza dunha banda xa ben engraxada e curtida, tras un ano tocando xuntos por festivais de todo o país, e recolle un son máis compacto, maiores influencias disco e dos 70, letras máis irónicas e novas proclamas disco-revolucionarias.

O proxecto GalegoZ nace a finais do 2005 como un experimento de membros do Colectivo Perverso para formar un grupo virtual que fusionase diferentes disciplinas: música electrónica, teatro, vídeo...

En febreiro do 2006, animados pola boa acollida do sinxelo "Galician Chimpanzee" e vendo o baleiro existente no campo da música electrónica en galego, deciden constituírse en banda. E así, o experimento cristaliza no disco Galician Chimpanzee (un traballo de manufactura caseira editado pola man da discográfica galega Ouvirmos), e o grupo virtual transfórmase nunha banda espectacular formada por músicos procedentes dalgunhas das mellores bandas do panorama musical galego: Xenreira, Nenos da revolta, Matraca Perversa, Jarbanzo Negro, Diplomáticos de Monte-alto, Mutantes Metálicos Band, A Compañía do ruído, etc.

A Banda GalegoZ está formada por: Marcos Payno (voz), Denís Mutante (voz), Pulpiño Viascón (batería, percusións e voz), Manuel Payno (trompeta e coros), Alex Salgueiro (frauta travesa e teclado), Tomás Ruído (técnico de son), Matías Olazábal (guitarra), Nell (d.j.) e Chou (v.j.).
Este verán contará ademais coa presenza ás voces de Bayo, líder das bandas madrileñas Django FM e Bayo y Fa Palermo.

Bases electrónicas mesturadas con ska, reggae, funk e soul, e salpicadas por letras combativas, irreverentes e ás veces mesmo surrealistas conforman o orixinal son de GalegoZ. Música marxista-electricista, ARANHOTO STYLE! Música de baile pensada e feita en Galiza. Samplers, loops, percusións, guitarras, ventos e voces, apoiados por vídeo e performance conforman este espectáculo galego multimedia que prepara a súa presentación por todos os recunchos de Galiza e do estado español. Unha ciber-verbena electrónica aderezada con melodías sinxelas, ventos contundentes, estética circense, actitude punk e tres voces dándolle guerra ao poder e ás inxustizas sociais, fuxindo de dogmatismos e sen perder nunca o humor... E, por suposto, sen esquecer a festa.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com