ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Perto de 40.000 rapazas e rapaces participarán na edición 2007 do Correlingua
· As carreiras pola lingua comezarán o día 2 de maio en Fene e rematarán en Pontevedra o 16, percorrendo 10 comarcas galegas baixo o lema Galegando

Chuza! esta nova!
Redacción 25 de abril de 2007 Presentouse en Santiago a edición 2007 do Correlingua, unha actividade que se celebra de xeito regular desde o 2000, consistente en 10 carreiras que se celebran en 10 vilas de Galiza, e na que se prevé unha participación de perto de 40.000 rapaces e rapazas procedentes da maioría de centros educativos de todo o País.

Entregáronse tamén os premios dos concursos de Manifesto do Correlingua 2007 e de Banda deseñada que recaeron no grupo de 3º ESO do CPI de Ponte Carreira, Frades, e no CEIP A Xunqueira I de Pontevedra, respectivamente, tendo acordado o xurado mencións especiais para o grupo de 3ª ESO do IES Fonmiñá da Pastoriza, o grupo de 4º ESO do CPI Cernadas de Castro de Lousame, e o colectivo"Os Grilleiros" do CPI de Pontecesures na sección de Manifesto e para o CEIP O Piñeiriño de Vilagarcía, en Banda deseñada. Compre resaltar que foron máis de 500 centros os participantes nestes concursos, que teñen como premio a participación no programa Coñece Galiza da Dirección Xeral de Xuventude da Vicepresidencia, no caso do alumnado de Secundaria, e unha saída dun día para o de Primaria e Infantil.

Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país. É unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de aneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

Galegando foi o lema escollido para a presente edición, xa que para os organizadores galegar é un xeito de actuar na vida defendendo e asumindo o que somos como galegos e galegas.

O Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Confederación Intersindical Galega - Ensino (CIG-Ensino), a Mesa pola Normalización Lingüística, e os Concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo, e conta tamén coa colaboración da Vicepresidencia do Goberno Galego, as Consellarías de Cultura, de Industria, a Secretaría xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, ademais de diferentes concellos das comarcas onde se desenvolven as actividades, ás que se suma a Rede Galega de Escolas Infantís Galescolas. As entidades organizadoras consideran fundamental implicar a mocidade, un sector fundamental no proceso de normalización da lingua galega que debe ter un papel activo no mesmo.

Tamén colabora co Correlingua o Xabarín Club da TVG, quen, en colaboración coa Consellaría de Industria a través do Xacobeo, desenvolverá a festa final en que, dependendo da localidade, actuará o propio Xabarín e se desenvolverán os espectáculos teatrais dos Tonechos, de Ppablo e os Ghazafellos ou do Grupo Chévere.

CALENDARIO CORRELINGUA

2 de Maio: Fene
4 de Maio: Santiago de Compostela
7 de maio: Viveiro (A Mariña)
8 de maio. Lugo
9 de maio: Ourense
10 de maio: A Guarda (Baixo Miño - O Condado)
11 de maio: Vigo
14 de maio: Vilagarcía de Arousa
15 de maio: A Coruña
16 de maio: Pontevedra

MÁIS INFORMACIÓN www.correlingua.org

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com