Publicidade
Contacto
|
*Caixanova xa dá opción de galego na súa páxina web
· A entidade de aforro cumpre os compromisos aos que chegara coa Mesa pola Normalización Lingüística, como xa fixera Caixa Galicia
· A Mesa anima todas as empresas galegas a que "sigan o proceso de galeguización de Caixa Galiza e Caixanova"
Redacción 24 de abril de 2007 Caixanova ofrece xa versión en galego na súa páxina web (www.caixanova.es), tal e como se comprometera coa Mesa pola Normalización Lingüística. O presidente desta organización cidadá, Carlos Callón, indica que nese colectivo se senten "moi satisfeitos polo conseguido, malia sermos conscientes de que aínda fica moito camiño por percorrer até conseguirmos unha mínima normalidade da nosa lingua no conxunto do sector bancario e de aforro na Galiza". Callón fai un chamamento "a que todas as empresas galegas coñezan e sigan o proceso de introdución do galego por parte de Caixanova e Caixa Galiza".
Caixanova comprometérase por escrito coa Mesa pola Normalización Lingüística nunha serie de obxectivos mínimos de galeguización, tras unha campaña realizada pola entidade cidadá. Froito do acordo, Caixanova constituíu un equipo de traballo interno para facer seguimento da introdución do galego, póndose como retos implantar neste idioma as campañas publicitarias, situar o galego como lingua de benvinda nos caixeiros, dar opción de galego na recepción da correspondencia comercial e na súa páxina web.
Paulatinamente, Caixanova cumpriu satisfactoriamente todos os obxectivos marcados. No referido á páxina web, hai algúns pasos que fican por dar, xa que varias seccións aínda non se poden consultar en galego, entre elas unha das máis importantes: a da xestión das contas. A Mesa saúda o xa feito, mais insta a que a entidade de aforro corrixa iso no menor prazo posíbel.
Froito da mesma campaña da Mesa, Caixa Galiza leva dando diversos pasos no camiño da normalización lingüística, como o uso normal do galego nas campañas financeiras, a galeguización de máis do 80% da documentación, o uso do galego con carácter xeral na correspondencia comercial, etc. Esta entidade continúa avanzando na introdución do galego na sinalización das sucursais e das anotacións en conta, entre outros aspectos.
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|