Publicidade
Contacto
|
*O presidente da RTVE dille ao BNG que baralla a idea de abrir o programa "Teño unha pergunta para vosté" a outras forzas políticas, pero non na emisión estatal
· Francisco Rodríguez recrimina este modo de proceder porque "para nós a solución non é ir a un programa territorial, os nacionalistas temos opinión sobre a política do Estado"
Redacción 24 de abril de 2007 O senador e coordenador executivo do BNG, Francisco Jorquera, anunciou este mediodía que Galeuscat iniciou hoxe unha liña de traballo en común co PSOE, o que "agarda estender a outras forzas políticas como o PP e IU", para reformar a Lei Eleitoral no que atinxe ao procedemento de voto dos emigrantes.
O Presidente da Corporación RTVE, Luis Fernández, afirmou na súa resposta esta mañá ao deputado do BNG, Francisco Rodríguez que "estamos considerando a participación de representantes doutras forzas políticas" no programa Teño unha pergunta para vosté, mais o circunscribiu a emisións territoriais, co cal non terían a proxeción de debates transmitidos para toda a poboación do Estado.
Neste sentido, puxo como exemplo o primeiro debate de características municipais que a TVE vai oferecer en "prime time", horario de máxima audiencia, esta noite en Barcelona, cos cinco candidatos á alcaldía de Barcelona, en lingua catalana e moderado polo xornalista Lorenzo Milá. Debate que verá a cidadanía catalana exclusivamente.
Para o BNG a solución non é ir a un programa territorial
Francisco Rodríguez criticou esta cuestión posto que a demanda do BNG no vai nesa liña. "Trátase Señor Fernández de que se dea cabida aos representantes de todos os partidos políticos con presenza parlamentar, como os nacionalistas que non só teñen opinión respeito ao que acontece nos seus territorios, senón que tamén na política do Estado".
Recriminou o feito de que con esta maneira de actuar se aprofunde no bipartidismo. "Hai conciencia no Estado español de que só existen dous grandes partidos políticos e que os nacionalistas non teñen dereito a participar na gobernabilidade. Sería moi importante que o programa se abrise a todas as forzas políticas". Para o BNG, puntualizou, "a solución non é tanto ir a un programa territorial, que por riba seguirá un baremo xerarquizado: primeiro Barcelona, logo Madrid, para cando Galiza?".
O Presidente da Corporación RTVE replicou ao deputado do BNG que "a presenza de líderes políticos no futuro non se debe reducir ao programa 'Teño unha pregunta para vosté", xa que haberá outros formatos". Sinalou que están analisando as demandas existentes e "vendo a posibilidade de promover unha enquisa entre a cidadanía para ver a posibilidade de incorporar" non só a outros partidos políticos senón tamén a representantes do "mundo da cultura, do deporte e do mundo económico".
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|