Publicidade
Contacto
|
*Jorquera anuncia que Galeuscat iniciou hoxe unha liña de traballo en común co PSOE para reformar na Lei Eleitoral o sistema de voto emigrante
· Na xunta mantida en Ferraz, os representantes de BNG, CIU e PNV abordaron con José Blanco a reforma do Senado, as eleicións e a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial
· Galeuscat estenderá estas reunións a outras forzas políticas como o PP e IU, e voltará a verse co PSOE en outono
Redacción 24 de abril de 2007 O senador e coordenador executivo do BNG, Francisco Jorquera, anunciou este mediodía que Galeuscat iniciou hoxe unha liña de traballo en común co PSOE, o que "agarda estender a outras forzas políticas como o PP e IU", para reformar a Lei Eleitoral no que atinxe ao procedemento de voto dos emigrantes.
Despois da xunta mantida co secretario de Organización do PSOE, José Blanco, os tres representantes de Galeuscat, Francisco Jorquera (BNG), Josune Ariztondo (PNV) e Carles Campuzano (CIU) explicaron na rolda de prensa oferecida na sede socialista en Ferraz, os temas abordados na reunión: a reforma do Senado, as eleccións e a cuestión referente á modificación da Lei Eleitoral e a renovacións dos membros do Consello Xeral do Poder Xudicial.
Galeuscat quer implicar a outras forzas políticas
Subliñaron ao respeito que a intención de Galeuscat é a de "implicar a outras forzas políticas" e estender estas xuntas a outros partidos políticos como o PP e IU.
Na súa intervención, Francisco Jorquera fixo referencia especial ao tratado en relación ao voto emigrante. "Hai un compromiso do PSOE de iniciar desde xa o traballo en común", e neste sentido, aludiu á próxima xunta que terá lugar en outono. Explicitou o "desexo do BNG para que esta reforma se substancie canto antes", resaltando que o idóneo sería tela lista antes de rematar a lexislatura. "De non ser posíbel, tería que ser ao comezo da seguinte. O que non sería xustificábel é que no próximo mandato non estivese aprobada", sinalou o senador nacionalista.
BNG, partidario de que os emigrantes voten só nas eleccións xerais
Para o parlamentar nacionalista non é admisíbel un sistema onde a dupla nacionalidade conleva o sufraxio activo en dous países ao mesmo tempo, "esta situación só acontece no Estado español". Afirmou que o BNG é "partidario de ir a aspeitos de fundo: que os emigrantes só voten nas eleicións xerais e teñan circunscripción propia". Ademáis de homologar o procedemento de voto dos residentes no exterior co que temos os que votamos no Estado.
Jorquera advertiu sobre o actual sistema de votación dos emigrantes, "un problema que corre o risco de converterse nun escándalo político de grandes dimensións". Puxo algúns dados sobre a mesa relativos a Galiza, que conta co maior número de inscritos no CERA. "Un CERA que no noso país xa representa o 12% sobre o censo total. E xa hai concellos onde significa unha porcentaxe do 50%". Trouxo a colación o tema da nacionalidade para pór de manifesto que en pouco tempo o noso "CERA pode atoparse na situación de contabilizar a 500.000 inscritos, co paradoxo de que Galiza poida ter máis votantes que residentes".
Por riba, "son votos que non contabilizan á hora do reparto de escanos no Congreso". O senador do BNG urxiu sobre a necesidade de rematar cun sistema que permite as manipulacións do voto e non oferece garantías democráticas.
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|