Publicidade
Contacto
|
*O actor Luis Tosar concorre na lista do BNG do Concello de Castro de Rei nas municipais de maio · Ocupa o posto 12 da candidatura que encabeza o xove empresario Xurxo Balado
· Tosar pasou a súa nenez en Castro, onde a súa familia rexentaba un bar
Redacción 24 de abril de 2007 O actor Luis Tosar concorre ás vindeiras eleccións municipais do 27 de maio na lista do BNG do concello lugués de Castro de Rei. O coñecido actor galego, que participou en películas como Los Lunes al Sol (de Fernando León), O Lapis do Carpinteiro (baseada nunha novela de Manuel Rivas), Trece Badaladas (de Xavier Villaverde), Sin Noticias de Dios (de Agustín Díaz), Te doy mis Ojos (de Iziar Bollaín), ou máis recentemente Miami Vice (de Michael Mann), ocupa o posto número 12 da candidatura á alcaldía que encabeza o xove empresario Xurxo Balado.
Luis Tosar, que xa participou na campaña das últimas eleccións europeas na candidatura do Bloque Nacionalista Galego, ten unha forte vinvulación con Castro de Rei. Tosar pasou a súa nenez neste concello lugués, onde a súa familia rexentaba un bar. Aínda que naceu en Xustás (Cospeito), de onde era natural o seu pai, a familia trasladouse a vivir, sendo Tosar moi novo, a Castro de Rei, de onde era natural a súa nai, concretamente da parroquia de Ludrio.
A candidatura do BNG en Castro de Rei está encabezada polo empresario de 28 anos Xurxo Balado Blanco. De número dous figura o actual voceiro municipal do BNG, Serafín Carballo. Luis Tosar ocupa o posto 12 e no 13, pechando a lista, irá a catedrática da Universidade de Santiago Margarita Ledo Andión.
Xurxo Balado naceu o 22 de xuño de 1978, é Diplomado en Relacións Laborais e é veciño de Castro Ribeiras de Lea. Pese á súa xuventude, é un empresario consolidado e emprendedor. Desenvolve a súa actividade profesional no concello de Castro, onde é propietario da empresa JORBA FLOR S.L., creada no ano 2002 e adicada á comercialización de flor natural, seca e decoración. É ademais socio dende o ano 2005 dunha empresa adicada á mediación de seguros, MEDIADORES DE LUGO, S.L; así como da empresa AGROPYME S.L., creada no ano 2006 e adicada a asesoría e xestoría.
Xurxo Balado é a primeira vez que se presenta a unhas eleccións e tamén a primeira vez que participa en política. Encabezará unha lista renovada coa que o BNG aspira a aumentar o número de concelleiros en Castro de Rei. Na actualidade conta con dous concelleiros no municipio.
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|