Publicidade
Contacto
|
*URBASER desenténdese das súas responsabilidades como xestor de residuos tóxicos e perigosos en Lugo
Redacción 24 de abril de 2007 A raíz dunha queixa que un veciño de Lugo fixo chegar a ADEGA sobre a indiferenza e despotismo co que URBASER o tratou cando quixo deixar un bote de mercurio de 125 centílitros no punto limpo da cidade, ADEGA exixelle ás administracións públicas que fagan cumprir coas súas obrigas de recollida de residuos tóxicos e perigosos á empresa que xestiona o lixo urbano na capital lucense.
Sendo coñecedor do perigo ambiental que suporía depositar nos contedores convencionais un bote con contido tóxico, o veciño desprazouse ao punto limpo da cidade de Lugo para que Urbaser se fixese cargo del. Alí, representantes da empresa comunicáronlle que Urbaser non podía xestionar este tipo de residuos e que o veciño tiña que darse de alta como "xestor de residuos sólidos e perigosos" para que a recollida do bote de mercurio fose feita adecuadamente. Ante esta situación, o veciño puxo en coñecemento do caso á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza.
Desde ADEGA recórdase que Urbaser ten a obriga de recoller este tipo de residuos nos puntos limpos das cidades onde calquera cidadán debe depositalos para efectuar unha adecuada recollida e xestión do mesmo, evitando os posibles danos ao medio ambiente. É mentira que non poidan xestionalos desde os puntos limpos, salvo se a cantidade de material tóxico e perigoso ascende a máis de 10.000 kg ao ano. Tan só neste caso, o colectivo ou persoa que manexe estes residuos terá que darse de alta como "xestor de residuos tóxicos e perigosos". Segundo fontes oficiais, a negativa de Urbaser de recoller este tipo de residuos xa se ten manifestado noutras ocasións co gallo de evitar a asunción dos custes económicos da súa xestión.
Por outra parte, ADEGA lamenta que as institucións públicas responsables de facer cumprir coas leis ás entidades empresariais (Xunta e concello), pasen por alto este tipo de actitudes irresponsables e despóticas coa cidadanía que, pola contra, si cumpre co seu deber.
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|