ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Política Lingüística substitúe as medidas polas enquisas
· A Mesa reclámalle á SXPL prazos concretos para a plena aplicación na Xunta do Plan Xeral de Normalización Lingüística para que as sondaxes non se convirtan en "autopsias"

Chuza! esta nova!
Redacción 19 de abril de 2007 O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, observa "con abraio" que as primeiras iniciativas impulsadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística nos grupos de traballo da Comisión Interdepartamental para a Normalización Lingüística da Xunta de Galiza, que foron presentados esta mañá, serán dúas enquisas sobre o nivel de uso do galego por parte dos diferentes departamentos.

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a Secretaría Xeral de Política Lingüística non tomou medidas para potenciar o uso do galego no conxunto do Goberno autonómico nin existen prazos para que se tomen tales medidas antes de que finalice a lexislatura.

Callón considera que "case nos estamos achegando ao ecuador do mandato, polo que produce máis desacougo observar como, en lugar de propor medidas que corrixan a situación, se nos anuncian novas enquisas e novos procesos de elaboración de novos plans de normalización, quen sabe se para aplicar nesta lexislatura ou na próxima, se é que na próxima non se decide, como agora, comezar de novo..."

O dirixente da organización en defensa da lingua valora positivamente "que moitos departamentos da Xunta (tanto en mans do BNG como do PSdG-PSOE) non agarden pola SXPL para aplicar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) aprobado no seu día no Parlamento, porque está á vista de ollos que, se pola SXPL fose, esta sería unha lexislatura perdida para o noso idioma".

A Mesa exixe "prazos concretos para o pleno cumprimento do PXNLG na Administración autonómica e que as enquisas non substitúan as necesarias medidas". Do contrario, denuncian, as enquisas poden ser simplemente "autopsias".

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com