Publicidade
Contacto
|
*Cultur.gal avanza a súa axenda de actividades a un mes da celebración da feira
· A feira do libro e da industria cultural de Galiza celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o 10 e o 13 de maio
Redacción 17 de abril de 2007 O director de Cultur.gal, Roberto Pérez Pardo, presentou o pasado venres, en rolda de prensa celebrada no Concello de Pontevedra, as actividades programadas para o evento. Pérez Pardo, que avanzou que "o 80% dos 4.000 m2 da área expositiva está xa reservado", estivo acompañado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, pola Secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, pola Secretaria provincial da Consellería de Cultura e Deporte, Olga Lema, e por Guillermo Brea, director da Obra Social de Caixanova.
Culturgal aglutina aos diferentes sectores da industria cultural galega (produtoras audiovisuais, discográficas, editoriais públicas e privadas, librerías e fabricantes de contidos multimedia e artesanía derivada do libro e do papel), que por primeira vez se reúnen nunha feira co obxecto de amosar e vender os seus produtos.
A entrada ao recinto será de balde, a excepción dos espectáculos cos que se pechará cada unha das xornadas: pezas escénicas de Mofa-Befa, o espectáculo do Club Xabarín da TVG e os concertos de Concha Buika e Marful, que pechará o evento.
A feira ultima unha longa batería de actividades, espectáculos e actos paralelos que fagan atractiva a visita de xente de toda Galiza.
Están previstas mesas redondas sobre gratuidade dos libros de texto, literatura e adaptacións cinematográficas ou a propiedade intelectual na música e no cine, presentación de libros e discos e sinaturas de obras por parte dos seus autores. Igualmente, Culturgal renderá homenaxe á poeta María Mariño, a quen este ano se dedica o Día das Letras, coa presenza de especialistas na súa obra.
Varias exposición encherán durante os catro días da feira as paredes do Pazo da Cultura: exposición homenaxe a Will Eissner, creador da novela gráfica; exposición fotográfica Eduardo Blanco Amor e a exposición BDbanda.
O Consello da Cultura Galega coordina unha xornada sobre a industria cultural galega e as tecnoloxías da información, co título "I+C, oportunidades e desafíos para a cultura galega na Internet". Esta albergará dúas mesas redondas sobre dixitalización do patrimonio e sobre o futuro da cultura galega na web, e pecharase coa entrevista que o editor Víctor Freixanes lle fará a Francis Pisani, un dos grandes especialistas internacionais da tecnoloxía da información.
Co asesoramento da Axencia Audiovisual Galega haberá proxeccións, en horario continuo, de longametraxes, curtametraxes e documentais.
Culturgal concede especial importancia ao público infantil, para o que deseñou un programa de actividades específicas: ludoteca, obradoiros de maxia, cestería, conta-contos,o espectáculo Títeres- Tanxarina ou a actuación de Mamá Cabra.
O director da feira, Roberto Pérez, salientou a importancia de dar a coñecer, nun evento que xunta todos os sectores, "a inmensa creatividade que hoxe exhibe Galiza no mundo da escrita, da música, do audiovisual e das novas tecnoloxías nunha lingua de seu".
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra congratulouse "de dar soporte a unha feira que engloba a todas as industrias culturais galegas", e salientou "a capacidade xeradora de riqueza que ten hoxe a cultura en Galiza".
A Secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, sinalou que "en foros como Culturgal o que se reforza é a universalidade da lingua", xa que pola feira haberá "pasar moita xente que gañar para o uso do galego".
Olga Lema, Secretaria provincial da Consellería de Cultura e Deporte, coincidiu en destacar que a feira supón "un impulso para a nosa cultura e para fomentar o desenvolvemento da industria cultural".
Finalmente, o director da Obra Social de Caixanova salientou que Culturgal constitúe "un feliz punto de encontro divulgativo e económico" da nosa cultura, identidade e patrimonio, e avogou por "ofrecerlle dende entidades e institucións todas as canles necesarias para a súa defensa e promoción".
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|