ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*As traballadoras e traballadores de normalización da lingua pídenlles aos partidos políticos a creación de servizos de normalización lingüística municipais
· Ante as próximas eleccións locais do 27 de maio, a CTNL insta a todos os partidos políticos a que inclúan nos seus programas a creación de departamentos técnicos estábeis para a normalización lingüística con capacidade de intervención social

Chuza! esta nova!
Redacción 17 de abril de 2007 A Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) dirixiuse aos/ás líderes de todos os partidos políticos galegos para pedirlles que inclúan nos seus programas para as vindeiras eleccións municipais a creación -ou potenciación e consolidación, de ser o caso- de servizos de normalización lingüística (SNL) estábeis e con capacidade de intervención social. Nos próximos días, a CTNL tamén lles fará a mesma proposta a todas as candidatas e candidatos das sete cidades galegas.

As administracións públicas locais teñen a obriga e a responsabilidade de apoiar e promover o proceso de normalización social da lingua galega, para o que deberían implementar políticas lingüísticas activas, dinámicas e integradoras. Para desenvolver e implementar as súas políticas en calquera ámbito, os concellos dótanse de instrumentos técnicos. Así, para desenvolveren a política urbanística, teñen departamentos de urbanismo, oficinas técnicas, etc.; para desenvolveren as políticas culturais, teñen departamentos de cultura; para desenvolveren as políticas ambientais, crean departamentos de medio ambiente; etc. No ámbito da política lingüística, eses departamentos son os xeralmente chamados servizos de normalización lingüística (SNL).

Na actualidade non chegan a 50 os concellos galegos que teñen SNL, e na maioría dos casos estes son inestábeis, as condicións laborais das súas traballadoras e traballadores son normalmente precarias, apenas están dotados con recursos económicos para a súa actividade e, en moitos casos, nin sequera desenvolven accións claramente dinamizadoras entre a sociedade.

Por estas razóns, a CTNL solicítalles a todas as organizacións políticas galegas e a todos as candidatas e candidatos que se comprometan dun xeito claro coa creación de SNL, e que reflictan este compromiso no seu programa. Estes SNL deben ter capacidade de intervención social, deben ser estábeis, estar dotados de recursos humanos e económicos suficientes, e deben ter funcións claramente dinamizadoras para traballar polo obxectivo xeral de incrementar o uso e prestixio da lingua galega en todo o ámbito social do concello.

A curto prazo, agárdase a creación dun Consorcio de Planificación Lingüística impulsado desde a Xunta, que agardamos que sexa o órgano desde o que se implemente a política lingüística galega, e do que formarán parte, segundo se anunciou desde a Administración autonómica, entre outras entidades, a propia Xunta e os concellos que queiran incorporarse. Desde a CTNL agárdase que este novo órgano sirva para crear departamentos técnicos comarcais, estábeis, con equipos multidisciplinares, con capacidade de intervención social para a normalización lingüística e coordinados a nivel galego.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com