Publicidade
Contacto
|
*O BNG xa ten proclamados 302 candidatas e candidatos ás alcaldías para as municipais, cunha renovación de máis do 50 por cento nos carteis eleitorais
· "Vai haber máis candidaturas nacionalistas e máis alcaldes e alcaldesas nacionalistas que nunca", vaticina Francisco Jorquera
· O máximo órgao da fronte aproba por unanimidade un novo tramo das listaxes eleitorais
Redacción 16 de abril de 2007 O Consello Nacional avanzou o pasado venres no proceso de confección das candidaturas do BNG para as Municipais 07. O máximo órgao frentista entre asembleas aprobou, e por unanimidade, outros 97 cabezas de lista para os comicios do 27-M, co cal a formación nacionalista xa leva proclamado un total de 302 candidatas e candidatos ás alcaldías doutros tantos concellos galegos.
Deses 302 alcaldábeis un total de 156 sono por vez primeira, o que representa unha renovación do 52 por cento en relación ao proceso eleitoral de 2003.
Para os 13 concellos restantes, o Consello Nacional acordou delegar a ratificación das candidaturas na Executiva Nacional dado que se está a ultimar a confección das propostas das distintas listaxes eleitorais.
Deste xeito, o BNG avanza cara ao obxectivo político de cubrir a práctica totalidade do territorio galego nas próximas eleccións galegas. En 2003 a formación nacionalista apresentou listas nun total de 307 concellos, cifra que se vai superar con toda seguridade nesta nova cita eleitoral.
"Estamos percibindo unha enorme corrente de simpatía cara ao noso proxecto político en todos os actos públicos de apresentación de candidaturas que vimos celebrando ao longo do país", afirma o coordenador executivo do BNG, Francisco Jorquera, que o atribúe a cando menos tres factores: "Primeiro, ao intenso labor de diálogo social que o BNG despregou durante o proceso de divulgación da nosa proposta de Novo Estatuto de Nación. Segundo, á boa valoración que merece na sociedade o traballo feito polos nosos concelleiros e concelleiras ao longo destes catro anos, for no Goberno ou for na oposición. E terceiro, ao respaldo social, cada día máis crecente, ao traballo do nacionalismo no Goberno do país".
"Vai haber máis nacionalismo nos concellos do país. Máis candidaturas nacionalistas e máis alcaldes e alcaldesas nacionalistas que nunca. Un sector importantísimo da sociedade galega ten claro que os nosos problemas colectivos só poden entrar en vía de resolución se se aposta por unha forza política propria do país, unha forza co centro de decisión aquí e non en Madrid", alega Jorquera.
O coordenador executivo do BNG cifra en tres os obxectivos básicos do nacionalismo galego nas municipais 07. "O primeiro, facer país tamén desde os concellos, reforzar o proxecto nacional desde abaixo. O segundo, estender aos concellos as políticas de cambio que o nacionalismo está a aplicar desde o Goberno galego, o que temos denominado o cambio galego. O terceiro, avanzar na rexeneración democrática nos concellos, porque desde logo nós, ao contrario que o PP, non separamos a ética da legalidade. Para nós a ética é a forma en que entendemos a política e os comportamentos non éticos deben ficar radicalmente fóra da vida pública"
RELACIONADO:
*
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|