ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*O BNG acusa a Orozco de impedir o desenvolvemento industrial de Lugo e propiciar a marcha de empresas
· Xosé Anxo Laxe relata o caso de sete empresas que se marcharon de Lugo nos últimos meses por non dispoñer de solo industrial
· O BNG esixe a Orozco que poña "de inmediato" a disposición da Consellaría de Vivenda e Solo os terreos das Gándaras para que poidan comezar as obras do novo polígono industrial


Chuza! esta nova!
Redacción 12 de abril de 2007 O voceiro municipal do BNG en Lugo e candidato á alcaldía, Xosé Anxo Laxe, acusou hoxe ao alcalde, José Clemente López Orozco, de "impedir o desenvolvemento industrial de Lugo e estar propiciando a marcha de empresas ao non poñer a disposición da Consellaría de Vivenda e Solo os terreos das Gándaras para que se poida iniciar o polígono industrial", un dos maiores previstos en todo o país con 2,2 millóns de metros cadrados, e que está paralizado por culpa do Concello de Lugo.

Laxe explicou que a Consellaría de Vivenda e Solo ten lista a documentación administrativa para contratar o movemento de terras e tiña previsto sacar a licitación esta semana ditos traballos, que contan un orzamento de 4 millóns de euros e un prazo de execución de oito meses. No entanto, a Consellaría tivo que paralizar este proceso porque o alcalde de Lugo non cumpriu o seu compromiso de facilitar os terreos antes desta data. O polígono industrial das Gándaras ten un orzamento para 2007 de 15 millóns de euros, un investimento que "Orozco pón en perigo neste ano", afirmou o voceiro municipal do BNG.

Este retraso está a ter "consecuencias moi graves", dixo Laxe, que revelou o caso de sete empresas moi importantes de Lugo que nos últimos meses decidiron marchar a outros polígonos industriais da provincia, como Castro de Rei, Rábade ou O Corgo ante a falla de solo industrial na capital. O voceiro nacionalista citou os casos de Allplas, que fabrica estruturas de carpintería metálica en aluminio e PVC nas súas dúas prantas de procucción do Ceao, con 100 traballadores, e que marcha a Castro de Rei; Vrio Pack fabricante de todo tipo de bolsas de pástico e papel, con 30 empregados e que tamén se trasladará a Castro de Rei; Todocolor, pertencente ao grupo Castro Parga, con 10 traballadores e que marchou a Friol; Cidega Inox, adicada á fabricación de cisternas de aceiro inoxidable, con 15 empregados e que se irá a Rábade; Salamander, empresa alemá de PVC, con 15 empregados e que se traslada tamén a Rábade; Mehisa, adicada á mecánica hidráulica e que xa marchou a Rábade; e Arguci Paneis, empresa punteira especializada en paneis técnicos, que vén de mercar 4.000 metros cadrados no parque empresarial de Castro, onde trasladará a súa actividade e onde proxecta investir tres millóns de euros para introducirse no mercado de Francia e Alemaña.

Xosé Anxo Laxe explicou ademais que a falta de solo industrial en Lugo está incidindo de xeito moi negativo noutras empresas asentadas en polígonos como o do Ceao e que se ven obrigadas a alugar naves supletorias en polígonos de concellos limítrofes ante a falla de espazo en Lugo, o que as obriga a deslocalizar a súa actividade e lles impide ter un funcionamento centralizado.

Por iso, Laxe esixiulle hoxe a Orozco que "axilice os trámites con Defensa" e poña "de inmediato" os terreos das Gándaras a disposición da Consellaría de Vivenda para que as obras do polígono poidan comezar e as primeiras parcelas poidan estar a disposición dos empresarios de Lugo a finais de 2008.

600.000 metros cadrados cubrirían a demanda de solo industrial entre 3 e 5 anos

O voceiro nacionalista explicou que "o problema en Lugo agrávase ante a parálise do Plan Xeral e a suspensión de licenzas decretada", que impide acometer a ampliación prevista do polígono do Ceao en 600.000 metros cadrados, suficientes para dar saída á demanda de solo industrial en Lugo nun periodo de 3 a 5 anos, segundo os cálculos manexados pola propia Xunta de Galiza. Ao tempo que se acometen os traballos nas Gándaras, a Consellería de Vivenda e Solo ten previsto abrir un periodo de solicitude de solo, o que permitirá adaptar as parcelas ás necesidades das empresas solicitantes, algo que tamén está paralizado á espera de que o Concello entregue os terreos.

O 'plan B' de Liñares

O voceiro municipal do BNG en Lugo acusou tamén ao alcalde de actuar "sen rumbo" nas negociacións co Ministerio de Defensa para facerse cos terreos do antigo polvorín militar. Laxe reprochou a Orozco que en dous anos e medio non fose capaz executar o convenio asinado no ano 2004 con Defensa e facerse cos terreos mediante permuta, unha mostra de "ineficacia absoluta", segundo Xosé Anxo Laxe.

A isto engádese, segundo o voceiro nacionalista, os "cambios de rumbo" nos últimos meses, nos que se anunciou por parte do alcalde (o 25 de xaneiro de 2007) a presentación dun aval bancario para a cesión inmediata dos terreos, algo no que recuou semanas máis tarde o propio Goberno municipal. Anunciouse a continuación (o pasado día 22 de marzo) por parte do concelleiro de Economía, Francisco Fernández Liñares, "un plan B", do que "a día de hoxe tampouco nada se sabe", denunciou hoxe o representante do BNG.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com