Publicidade
Contacto
|
*A Mesa felicita os grupos parlamentares por aprobar que os convenios colectivos recoñezan os dereitos lingüísticos · A organización, quen xa reclamara esta medida, recorda que aínda hoxe existe discriminación laboral por razóns de lingua
Redacción 12 de abril de 2007 A Mesa pola Normalización Lingüística dá os parabéns aos grupos parlamentares pola aprobación onte da iniciativa impulsada polo Bloque Nacionalista Galego que insta a Xunta a que se dirixa ás organizacións sindicais, comités de empresa, asociacións patronais e Consello Galego de Relacións Laborais para introducir os dereitos lingüísticos como "cláusula de oficio" en todos os convenios colectivos, tal e como estabelece o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
A iniciativa aprobada onte inclúe tamén a petición á Xunta dun Plan de Acción contra a discriminación lingüística no posto de traballo. As dúas medidas xa foran reclamadas nos últimos meses pola Mesa pola Normalización Lingüística tanto á Consellaría de Traballo como aos diferentes grupos parlamentares.
A asociación en defensa da lingua recorda que "aínda hoxe segue sen haber igualdade de oportunidades laborais" por motivo da lingua, desde o mesmo momento en que se realiza unha entrevista de traballo, e séguense a dar situacións de acoso lingüístico no posto de traballo. A Mesa lembra a este respecto casos xa denunciados aos medios de comunicación como o da traballadora de Pontevedra despedida do seu posto de traballo por empregar o galego con compañeiros e clientes ou o da rapaza que tivo que cambiar a empresa na que realizaba as súas prácticas porque non lle permitían falar en galego nin sequera cos seus compañeiros.
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|