Publicidade
Contacto
|
*As vellas glorias do Celta e o Deportivo enfrontaranse o sábado 14 de abril n'O Porriño · O derbi galego entre veteranos contará ademais co aliciente de ver en acción aos máis novos e novas no torneo de base, que comezará o venres · Todos estes actos formarán o programa de actos do derbi oficial, que se celebrará o domingo en Balaídos
Redacción 12 de abril de 2007 O derbi galego entre Celta e Deportivo d'A Coruña, que se celebrará este domingo en Balaídos, contará cun programa de actos cheo de espectáculo, coa participación das máis novas e novos e dos veteranos.
Desta forma, os veteranos de Celta e Deportivo enfrontaranse no Pavillón Municipal d'O Porriño o sábado 14 de abril a partir das 18:30 horas (TVG), nun choque que promete espectáculo, xa que sobre a herba sintética estarán xogadores da calidade de Gudelj, Maté, Ratkovic, Rodolfo, Bajcetic, Vicente Celeiro, Toni, Cantero, Pachi Villanueva, Salva ou Karpin, (polo Celta) e Fran, Songo´o Radchenko, José Ramón, Elduayen, Nando, Agulló e Manjarín (Deportivo).
Pero si apaixoante se presenta o partido dos veteranos, tampouco se queda curto o torneo de base que dará a oportunidade de mostrar as súas calidades ás máis pequenas e pequenos. O trofeo, nas categorías benxamín, alevín e infantil, disputarase en dous días (venres e sábado) e nel participarán equipos representando a centros escolares, clubs de fútbol e clubs doutros deportes. En total participarán máis de 300 xogadoras e xogadores representando aos colexos Hermanos Quiroga, Budiño, Santo Tomás e Fernández López, ademais dos clubs Porriño Industrial, Atios, Pontellas e a Escola de Fútbol de Moaña. No caso dos equipos de menor idade, os partidos serán máis curtos (dous tempos de 15 minutos) e contarán cun mínimo de 10 xogadores podendo facer todos os cambios que se consideren oportunos.
Esta mañá tivo lugar a presentación, na Casa do Deporte de Vigo, á que asistiron a delegada da Consellaría de Cultura e Deporte, Marta Souto, os futbolistas Xurxo Otero e Gudelj, e o representante de Futbol Indoor Event, Álvaro Garrido.
A delegada da Consellaría de Cultura e Deporte en Pontevedra, Marta Souto dixo durante a presentación que "para nós é unha oportunidade de contribuír a que máis de 300 nenas e nenos se acheguen ao mundo do deporte nos partidos que se celebrarán o venres e o sábado, nos que participarán colexos e clubs de fútbol d'O Porriño e tamén de Moaña".
Por outra parte, Xurxo Otero "é a primeira vez que participo neste torneo aínda que non vou poder xogar por mor dunha lesión. De todos os xeitos, é un partido especial por ser un derbi, e agardo que sexa o anticipo do que sucederá en Balaídos o domingo". Gudelj, tamén presente na rolda de prensa, agradeceu á Consellaría e aos organizadores "a oportunidade que temos de volver estar con vellos amigos". Mentres, Álvaro Garrido, director da empresa Futbol Indoor Event, organizadora do evento, animou a todo o mundo a asistir "porque é unha modalidade moi espectacular na que sempre se pode ver bo fútbol".
Fútbol Indoor é unha especialidade moi atractiva polo seu dinamismo, xa que o que delimita as dimensións do terreo de xogo son uns muros de 0,90 metros de alto, que permiten o rebote do balón sen que se interrompa o xogo. A superficie de céspede artificial é de 42x23 metros e o balón ten un tamaño intermedio entre o de fútbol e fútbol sala. Son partidos de 40 minutos cronometrados (2 tempos de 20 minutos cada un) que se celebran en pavillóns pechados. Esta nova modalidade xa leva varios anos amosándose e o ano pasado, estes mesmos equipos disputaron un interesante partido en Santiago que concluíu co trunfo do Deportivo. A entrada será gratuíta para todos aqueles que queiran recordar vellos tempos e gozar coa calidade destas estrelas que non deixan de brillar.
O campionato de Fútbol Indoor, organizado pola empresa Fútbol Indoor Events, será patrocinado pola Dirección Xeral para o Deporte e tamén contará coa colaboración do Concello do Porriño que cederá as instalacións.
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|