Publicidade
Contacto
|
*Este venres darase a coñecer o nome da gañadora ou gañador da III edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa
Redacción 12 de abril de 2007 O fallo da III edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio de Xornalistas de Galiza, o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova, faráse público mañá venres 13 nunha rolda de prensa na sala Sargadelos de Ferrol.
César Hildebrant, Felipe Suárez, Gervasio Sánchez, Gorka Landaburu e o xornal Euskaldunon Egunkaria, Jon Lee Anderson, as fotoxornalistas Marisa Flórez e Queca Campillo, Tomás Alcoverro e Pedro Nolasco son os oito finalistas desta III edición.
O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidiu a ou o gañador. Desde o pasado febreiro, fóronse emitindo os seus votos por correo ordinario. A premiada ou premiado recibirá a escultura Ás Ceibes, creada por Manuel Patinha, nunha gala que se celebrará o día 2 de maio en Ferrol.
Este premio é unha homenaxe a José Couso. Pero supón tamén unha voz de alerta sobre a ausencia do dereito á información en moitos países do mundo e das ameazas que este dereito está sufrindo nos países chamados democráticos. Algúns dos xornalistas que teñen que loitar contra esta situación foron nominados e galardoados nas dúas primeiras edicións do Premio José Couso.
O gañador da edición inaugural, o xornalista marroquí Ali Lmrabet, relatou no acto de entrega do premio as dificultades para desenvolver o seu traballo con dignidade. A súa determinación para falar sen censura custoulle meses de liberdade, unha persecución e a necesidade de ter que fuxir do seu país. Esta denuncia sumada a de tantos outros compañeiros dos cinco continentes, supón unha luz de alerta constante que non podemos permitir que morra.
Esa loita contra as inxustizas ao longo do mundo está no currículo das e dos candidatas e, tamén, na historia do diario Le Monde Diplomatique, gañador do galardón na súa segunda convocatoria, que ano tras ano axuda a comprender o duro traballo ao que se enfronta o xornalismo.
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|