ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Cúmprese un ano dende a presentación das alegacións ao Plan Xeral de Lugo sen que estas foran aínda respostadas
· En todo este tempo o Goberno non chamou aos grupos da oposición para tratar de consensuar o documento en base ás alegacións presentadas

Chuza! esta nova!
Redacción 11 de abril de 2007 O voceiro do BNG no Concello de Lugo e candidato á alcaldía, Xosé Anxo Laxe, revelou hoxe, "no primeiro cabodado da presentación das alegacións ao PXOM", que o equipo redactor do Plan Xeral ten xa a práctica totalidade das alegacións revisadas, segundo lle confirmaron as propias redactoras hai un mes nunha xuntanza cos grupos políticos, polo que o BNG esixe ao Goberno local que envíe as respostas aos cidadáns antes das eleccións para que os veciños saian da situación de incertidume na que se atopan dende hai un ano.

Hoxe cumpriuse precisamente un ano dende a presentación das alegacións ao PXOM (o prazo pechouse o 11 de abril de 2006) e dende entón nada se sabe delas, queixouse hoxe o voceiro nacionalista. O BNG está a celebrar estes días reunións cos veciños nos distintos barrios da cidade (mañá acudirá a Albeiros), nas que é patente a preocupación de moitos cidadáns pola situación na que se atopa o documento, que foi aprobado inicialmente hai máis dun ano. Presentáronse 6.500 alegacións por parte de veciños, asociacións e distintos colectivos que están aínda pendentes de ser respostadas dende entón. "Foron moitas as alegacións presentadas e hai polo tanto moitos veciños e veciñas preocupados porque non saben que vai pasar coas súas casas", argumentou Laxe.

O voceiro do BNG denunciou tamén que en todo este tempo o Goberno local non chamou tampouco aos grupos da oposición para analizar as alegacións presentadas (o BNG presentou máis de 100 alegacións) para chegar a un Plan Xeral de consenso, a pesares de que Orozco anunciou esta reunión ata en catro ocasións. Laxe acusou hoxe a Orozco de "xogar co Plan Xeral segundo os seus intereses electorais" por manter o documento nunha situación de "parálise intencionada" á espera de que pasen as eleccións.

Por iso, Laxe esixiulle a Orozco que cumpra a súa palabra e as súas promesas de aprobalo neste mandato levándoo ao pleno do mes de maio. Do contrario, dixo o voceiro do BNG, Orozco e Besteiro terán que recoñecer un "fracaso estrepitoso" en todo o relativo ao Plan Xeral.

As eleccións de maio serán un plebiscito sobre o PXOM

Laxe considera que a proposta de Plan Xeral do Goberno local "é unha especie de espada de Damocles que colga sobre moitos veciños de Lugo" porque "se Orozco repite maioría absoluta vai aprobar o Plan que ten elaborado, sen escoitar aos veciños". O BNG considera que "Orozco ten aparcado o PXOM á espera de que pasen as eleccións polo rexeitamento que este documento xenera en moitos barrios e parroquias". O BNG, explica Laxe, non concorda co "urbanismo agresivo" que o Goberno municipal deseña para os barrios periféricos da cidade, como As Gándaras, Lamas de Prado ou Albeiros, pensado máis para o negocio dos grandes construtores que para dar servizos ao barrio e no que "os veciños quedan en mans dos construtores".

Laxe afirma que "o Bloque Nacionalista Galego é a única garantía de que ese Plan Xeral non se vaia aprobar tal como está". Laxe anunciou aos veciños dos barrios cos que xa se reuniu que se o PSOE non ten maioría absoluta e o BNG ten responsabilidades de Goberno a partir de maio esixirá que se fagan modificacións no PXOM relativas a cinco aspectos fundamentais para "humanizar o Plan Xeral e poñelo ao servizo dos veciños". Os cambios afectarían á extensión da cidade, á xestión privada, ás infraestruturas de acceso e comunicación, á defensa insuficiente do patrimonio e á urbanización indiscriminada da zona rural.

As modificacións deberán facerse "contra reloxo"

Para o Bloque "é negativo para a cidade non contar cun Plan Xeral que regule o urbanismo na cidade", mais estima que o Plan elaborado polo Goberno de Orozco "non é o PXOM que Lugo se merece". O BNG insiste en pedir, "cambios de calado" no modelo proposto, dos que deu traslado ao Goberno local nas máis de 100 alegacións presentadas polo Bloque ao documento. Sen embargo, o voceiro nacionalista explica que despois das eleccións de maio quedarán só 8 meses de prazo límite para aprobar o PXOM, posto que o 11 de febreiro de 2008 remata o prazo máximo de dous anos de suspensión de licenzas decretadas despois da aprobación inicial, polo que, de non ser aprobado o PXOM antes desa data, seguiría en vigor o PGOU de 1991. Por iso, a situación será "delicada" despois das eleccións e as modificacións debarán facerse "contra reloxo".

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com