Publicidade
Contacto
|
*O responsábel de Política Municipal do BNG afirma que "o caso do Alcalde de Salceda é só a punta do iceberg do que ocorre con moitos cargos do PP" · Roberto Mera contrasta isto coa "ética incontestábel" dos electos nacionalistas
Redacción 11 de abril de 2007 O Secretario de Política Municipal do BNG, Roberto Mera, advertiu de que "o caso do alcalde de Salceda e algúns outros coñecidos nos últimos meses son só a punta do iceberg do que acontece cos cargos do Partido Popular". Mera lembrou que "só no Condado e Baixo Miño hai alomenos tres alcaldes que participan directamente ou a través de testaferros en negocios urbanísticos e inmobiliarios nas localidades destas comarcas: o alcalde de Arbo, o de Salceda e o de Tui, con negocios nas súas localidades e noutras como Ponteareas".
Segundo Mera, o problema non radica só en que os alcaldes teñan actividades privadas no ámbito da construcción e do negocio inmobiliario, senón en que ademais "esas actividades desenvólvense en paralelo con actuacións e decisións políticas que directa ou indirectamente favorecen ditos negocios: parálise na redacción de PXOMs para manter vixentes normas subsidiarias e baleiros legais coma no caso de Salvaterra e Salceda; recalificacións de terreos con modificacións puntuais ou con novos planeamentos municipais como no caso de Salceda, Arbo e Nigrán; negativa a ceder terreos á Xunta para vivendas protexidas evitando competencia, como no caso de Arbo; licenzas e obras ilegais promovidas por alcaldes, recorridas pola Xunta e anuladas polos tribunais, coma no caso de Ponteareas"
"En liñas xerais, os negocios urbanísticos e inmobiliarios dun significativo número de alcaldes e concelleiros do PP teñen florecido en paralelo coa desfeita urbanística en vilas do país, dos que boa proba son concellos como Salceda, Ponteareas ou Salvaterra, onde operan como promotores cargos do Partido Popular", segundo o membro da Executiva Nacional do BNG.
Roberto Mera insiste na "falta absoluta de ética" que supón compatibilizar estas actividades coas responsabilidades políticas das que dependen decisións que afectan a eses intereses particulares" e engadiu "que para o propio PP non debe ser moi ético, cando algúns alcaldes, como o de Salceda, recoñecen explicitamente esa falta de ética, ou cando outros utilizan como testaferros e intermediarios a persoas das súas familias, co caso paradigmático de Arbo, no que a sogra do Alcalde, octoxenaria, encárgase da solicitude de licenzas de obra para numerosos edificios".
"Ética incontestábel do BNG"
O tamén candidato do BNG á alcaldía de Ponteareas considera que "fronte a esta situación na que tamén se atopan alcaldes do PSOE en Galiza, os cargos do BNG pola súa parte actúan non só dentro da legalidade senón cunha ética incontestábel, sempre supeditados ao interese xeral e sen conflictos de intereses porque non participan ao tempo en negocios urbanísticos ou inmobiliarios".
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|