Publicidade
Contacto
|
*A Mesa proponlle á Xunta un acordo con fabricantes e operadoras para introducir o galego na telefonía móbil · A Mesa "dá por perdida" a vía da Secretaría Xeral de Política Lingüística e reclámalle a Innovación e Industria que lidere as negociacións · Se a Xunta o xestiona, todas as operadoras e o 90% dos terminais telefónicos terán opción de galego
Redacción 09 de abril de 2007 A Mesa pola Normalización Lingüística insta á Xunta de Galiza a que consiga coas empresas de telefonía móbil un acordo para a normalización do galego tanto na atención ao cliente como nos propios terminais semellante ao asinado hai poucas semanas pola Generalitat de Catalunya. Nese acordo entraron os principais fabricantes (Nokia, Motorola, Grundig, Alcatel e Sony-Ericsson), así como a totalidade dos operadores (Movistar, Vodafone, Orange e Yoigo).
A Mesa leva varios anos reclamándolle á Xunta un acordo similar ao materializado recentemente pola Generalitat e nese sentido se dirixiu en dúas ocasións o ano pasado (marzo e novembro) á Secretaría Xeral de Política Lingüística. Esta organización subliña que "a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a pesar de ser a súa obriga, nin tan sequera fixo as xestións para que as fabricantes e a operadora que facturan para o Goberno galego garantan o uso da nosa lingua propia".
A Mesa denuncia que "isto é así até tal punto, que a compañía contratada pola Xunta, Movistar, continúa sen dar servizo de atención en galego á súa clientela con contrato, o cal significa que desde os telemóbeis da Xunta non se poden realizar xestións con Movistar en galego."
Perante a total ausencia de xestións por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependente da Presidencia da Xunta, A Mesa "dá por perdida" esta vía e reclámalle á Consellaría de Innovación e Industria que lidere as negociacións con fabricantes e operadoras, para conseguir un acordo análogo ao logrado pola Generalitat de Catalunya. Segundo A Mesa, se a Xunta o xestionase, todas as operadoras e o 90 por cento dos terminais terían a opción de galego.
Compromisos das empresas para o catalán
No acordo para Cataluña, Nokia, Motorola, Grundig, Alcatel e Sony-Ericsson comprometéronse a ofrecer a opción de catalán en todos os terminais e incluír esta lingua nas guías e manuais que os acompañan.
Pola súa banda, Movistar, Vodafone, Orange e Yoigo chegaron ao compromiso de facilitar á súa clientela a troca dos telemóbeis sen opción de catalán por terminais con esta opción, a través de campañas informativas especiais. Ademais, na súa publicidade xeral especificarán cales son os terminais que xa inclúen este idioma. Unha outra medida, que sería de especial relevo para o caso galego a xuízo da Mesa, é que Movistar, Vodafone, Orange e Yoigo fornecerán a posibilidade de se realizaren todas as comunicacións entre as empresas e a súa clientela en catalán.
A Generalitat de Catalunya, nese mesmo acordo, comprometeuse a dar apoio institucional a toda iniciativa de fabricantes ou operadoras que promocione a lingua catalá, a facilitar asesoramento lingüístico a estas empresas e a promocionar cada ano os novos telemóbeis ou novos servizos que inclúan a opción deste idioma.
A Mesa observa que un acordo como este para o galego é "totalmente factíbel, o único necesario é que a Xunta sexa quen encabece as negociacións pertinentes, algo que perante o desinterese da Secretaría Xeral de Política Lingüística pode levar a cabo a Consellaría de Innovación e Industria, con competencias na materia". Ademais, esta organización cívica expresa o seu desexo de que tal acordo poida ser realidade antes de que finalice esta primavera.
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|