Publicidade
Contacto
|
*Iria Aboi, nova secretaria xeral de Galiza Nova · Por primeira vez na súa historia unha muller ocupa a secretaría xeral da organización das mocidades do BNG
Redacción 02 de abril de 2007 Iria Aboi foi elixida nova secretaria xeral de Galiza Nova logo da celebración, esta fin de semana, da súa X Asemblea Nacional. A candidatura encabezada por Iria Aboi á secretaría xeral obtivo 177 votos, por 111 dos acadados polo candidato da outra lista, Macías López.
No discurso final da Asemblea, nova secretaria xeral, fixo unha defensa do dereito de autodeterminación de Galiza, reivindicando "o dereito do noso pobo" a decidir "como quere vivir, organizarse e relacionarse", e afirmou que "se somos nacionalistas é porque vivimos nunha nación que non pode exercer os dereitos democráticos que lle corresponden".
Organización referencial
Para a nova Secretaria Xeral, estas dúas xornadas serviron para pór enriba da mesa as "nosas debilidades e potencialidades" nun exercicio rico e democrático que deu como resultado "reforzar a nosa unidade" pois, segundo dixo, hai que ser maiores de idade para que mellorar e para que Galiza Nova continúe a ser a organización referencial do nacionalismo no campo xuvenil.
X Asemblea Nacional de Galiza Nova
Durante a pasada fin de semana Galiza Nova, organización das mocidades do BNG, celebrou a súa X Asemblea Nacional na faculdade de Psicoloxía do campus compostelán. Foron dous días de traballo nos que a mocidade nacionalista estaba chamada valorar o traballo desenvolvido durante último período interasemblear, propoñer as liñas a seguir para o novo período, así como a escoller unha nova Dirección Nacional.
O portavoz nacional do BNG e Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana e Francisco Jorquera, coordenador executivo da fronte, foron os encargados de inaugurar e clausurar esta asemblea, respectivamente.
Quintana sinalou durante a inauguración que “o nacionalismo é o mellor freo da deriva antidemocrática do PP” e asegurou non entender “ese alegatos progres de que hai que salvar a democracia e deixar os problemas de Galiza a un lado”. Para Quintana “a auténtica democracia é a que é capaz de combinar a defensa dos intereses individuais e os de Galiza”.
O líder nacionalista lembrou que a organización xuvenil sempre “foi un elemento dinamizador e transformador da realidade” e agradeceulles o seu traballo nesta liña a prol dun novo Estatuto.
Pola súa parte Jorquera sinalaba durante a clausura que "é moi importante que desta Asmablea saia unha Galiza Nova forte, viva e actuante, que non se someta a falsos paternalismos" para poder facer efectivo o lema baixo o que se celebrou: 'Organizando a mocidade para construir Galiza'".
Informe de Xestión e teses
Durante a xornada do sábado someteuse a debate o Informe de Xestión apresentado pola Dirección Nacional saínte, sendo este rexeitado por parte da asemblea, tras unha longa quenda de intervencións, nas que maioritariamente se manifestaba o descontento co traballo realizado e a escasa incidencia da organización nesta última etapa capitaneada por Xosé Emilio Vicente.
Por outra banda as teses que guiarán o traballo da organización até a seguinte asemblea -situación da mocidade, política e organizativa- foron amplamente respaldadas polo conxunto da asemblea logo de debater e engadir distintas enmendas e aportacións.
Éxito na convocatoria
Esta X Asemblea Nacional contou cun total de 288 persoas acreditadas, sendo esta cifra a maior acadada até o de agora nunha asemblea de Galiza Nova.
Nova Dirección Nacional
A lista encabezada por Iria Aboi resultou vencedora co 60 por cento dos votos, fronte ao 40 por cento que obtivo a candidatura encabezada por Macías López Igrexas e na que figuraba o secretario xeral saínte Xosé Emilio Vicente Caneda. A nova Dirección Nacional fica conformada polas seguintes persoas:
1. Iria Aboi Ferradás;
2. Vítor Recarei Añón;
3. Cristina Alonso Salgado;
4. Henrique Do Río Outeiro;
5. Andrea González Abraldes;
6. Roi García Camba;
7. Noa Fernández Gómez;
8. Pablo Santomé Souto;
9. Avia González Beira;
10. Iago Carreira Trigo;
11. Iria Fernández Silva;
12. Bernardo Fraga Galdo;
13. Alba María Feixóo López;
14. Armando Carril Casanova;
15. Águeda Rei García; 16. Macías López Igrexas;
17. Uxía Araúxo Otero;
18. Xurxo Paz López;
19. Noa Presas Bergantiños;
20. Xosé Emilio Vicente Caneda;
21. Ania Pérez Pérez;
22. Paulo Carlos López López; 23. Ximena Mariel González Ataide;
24. Breixo Lousada Valdés;
25. Alba Muíños Garel
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|