Publicidade
Contacto
|
*Vieiras con crema de grelos
(26/12/2006) :: Descargar receita en pdf ::
Seica no Nadal o marisco é un prato que de xeito habitual se serve nas mesas do noso país, nesta receita utilizamos unhas vieiras que teñen un prezo alcanzábel e un dos produtos por excelencia do noso interior: os grelos ou nabos.
Unha mestura de sabores e de espazos; mar e terra que poden resultar gorentosos a quen os cociñe e sobre todo a quen os coma.
Tentade a facelas e xa nos contaredes!.
Ingredientes:
Para cinco persoas:
• 2 vieiras por cada comensal
• 1 cebola grande
• aceite
• sal
• fariña
• leite
• queixo de untar
• queixo relado
• coñac
• limón
• 400 g. de grelos
Tempo de preparación:
40 minutos se cocen os grelos nunha ola a presión senón 25 minutos máis.
Preparación:
Lavar as vieiras reservando a cuncha ovalada a carne e o coral (e a parte alaranxada que teñen no seu interior).
Poñer nunha cunca con auga e un chorro de limón a carne das vieiras e o coral, para que perdan as areas que poidan traer.
Cocer os grelos en abundante auga con sal, é mellor cocelos nunha ola a presión pois tardan menos e consúmese menos enerxía, e reservalos.
Fríxese a cebola cortada en anaquiños o máis pequenos posíbeis deixándoa na ola até que encomece a dourarse, engadir sal e fariña e deixar que se frixa todo ben. Engadir o leite aos poucos e facer unha bechamel frouxa (que non quede moi espesa).
Cando xa temos a bechamel feita, e bon deixala un anaco ao lume revolvéndoa moi a miúdo para que non se pegue e coza a fariña para que colla mellor sabor, engadirlle un par de culleradas de queixo de untar e revolver até que se desfaga.
Despois de ter a salsa bechamel feita engadir os grelos ben cocidos e pasarlle o robot de cociña até facer unha crema.
Poñer nunha tixola unhas pingas de aceite e pasar por elas as vieiras, engadirlles un chorro de coñac e prenderlles lume para flamexalas.
Prender o forno na súa parte de gratinar e deixar que queza.
Encher as cunchas coa vieira e o coral correspondentes e cubrilas coa crema de grelos, botarlles queixo relado por encima e introducilas no forno.
Deixalas gratinarse 10-12 minutos e servir quentes.
Bo proveito.
Voltar á Cociña Arroutada!
Ir á Portada
|
Publicidade:
|