ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Cinema
Sección coordinada por Bruño Fraga Bugallo

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cinema
Foros
Arquivo
Ligazóns


*Zodiac

PUNTUACIÓN ARROUTADA: 4

15 de xuño de 2007 Zodiac é unha película que xerou bastantes expectativas coa súa aparición. O seu director, David Fincher, tiña chamado a atención con títulos como Seven ou o Clube da Loita. O reparto de actores tamén era prometedor: sen haber grandes estrelas mediáticas está inzado de caras coñecidas que triunfaron en series de TV (Anthony Edwards de Urxencias) ou novos valores do cinema ianqui (Jake Gyllenhaal, Mark Ruffalo). Tamén está o xenial Robert Downey Junior, enfant terrible de Hollywood, aínda que non estamos ante a súa mellor interpretación. Estas expectativas xeradas acháronse na súa maioría defraudadas.

O filme narra a investigación, baseada en feitos reais, dunha serie de asasinatos que tiveron lugar nos anos 60 nos arredores de San Francisco e que foron atribuídos a un asasino en serie coñecido como Zodiac. Este asasino aterrorizou á poboación da zona pola presunta arbitrariedade dos seus crimes, a súa frialdade e o seu afán de repercusión mediática. Mandou multitude de cartas que publicaron os xornais, algunhas con criptogramas sinxelos que agachaban ameazas futuras. A investigación estendeuse durante décadas sen chegar a conclusións firmes en boa parte debido á falta de coordinación da policía.

A palabra que define a este filme é decepcionante. O ritmo, a duración (158 min) e a calidade visual delatan unha pretenciosidade que non se corresponde con aquilo que o filme ten que contar. Comeza cun ritmo trepidante, sucedéndose os asasinatos e as mensaxes do psicópata e presentándonos ás personaxes principais. Logo a película entra nunha fase de profundo baixón de intensidade pouco xustificado. Finalmente hai un clímax narrativo no que parece inminente a chegada dun acontecemento traumático ou conclusivo...pero non é así. Parece que o filme se debate entre unha especie de documental de investigación (tipo JFK quizais, pero máis anodino) e o thriller de psicópatas que todos esperabamos e que non chega a ser. A espectacularidade visual de certas imaxes non deixa de ser un parche dunha película que tenta ser o que non é. A súa duración, moi excesiva, só serve para cansar ao espectador nun intento de dotala de trascendencia.

En definitiva, Zodiac podería ter sido un filme decente plantexado dende un punto de vista máis modesto. Envolvelo nun papel rechamante (duración, calidade visual, acotores sobreactuados, etc.) non consegue máis que incrementar a sensación de intrascendencia e cansancio. Quen queira velo que se prepare para saír entumecido e coas pernas durmidas, eso se non se durme o corpo enteiro. Prohibida a sesión golfa, salvo que a peli non sexa o obxectivo principal...

Voltar a Cinema
Ir á Portada


Publicidade: