Publicidade
Contacto
|
*Unha verdade incómoda
PUNTUACIÓN ARROUTADA: 7
Nas últimas semanas tense falado moito deste filme que conseguiu espertar a preocupación polo cambio climático, ocupando espazo nos telexornais e nas conversas cotiás, a pesar de non se ter estreado nalgunha cidade galega...por agora. Non se trata dun filme convencional de ficción co seu inicio, no e desenlace. Tampouco é exactamente un documental. Trátase da filmación dunha conferencia sobre o cambio climático ofrecida por Al Gore (acostumaba a ser o próximo presidente dos Estados Unidos, como el mesmo se presenta) na que se intercalan momentos de corte autobiográfico nos cales o propio Gore explica a evolución e motivacións da súa preocupación por este tema.
Parece ser que o señor Al Gore, tras retirarse da política logo de ser “derrotado” por Bush, adica os seus esforzos á concienciación do grande público con respecto ao quecemento global. O cerne do filme é unha destas conferencias, pero iso non debe facernos pensar que se trata da filmación dun evento ata certo punto improvisado ou informal. A presentación que fai Gore durante a charla é minuciosa e precisa. El sen dúbida é un gran orador. As imaxes e gráficas escollidas, a secuencia de datos, o público asistente... todo está traballado e pensado con grande detalle, sen deixar nada ao azar. Al Gore nos mostra a través de imaxes, datos e gráficas cómo a acción humana sobre o ecosistema está a provocar impactos con consecuencias gravísimas a medio ou curto prazo. Certos datos e conclusións son verdadeiramente arrepiantes. O principal mérito do filme é a claridade con que calquera tipo de público pode seguir a explicación e a secuencia de cifras e gráficos de forma amena. Isto ten un enorme mérito polo rigor científico da exposición, no que se puxo moito énfase. De feito, o filme foi moi ben recibido por parte de dos expertos na materia. A exposición está enfocada a fixar un par de ideas fundamentais: o efecto invernadoiro é unha realidade palpable, o culpable da mesma é o ser humano e é necesario preocuparnos moi seriamente desde xa por este problema que pon en perigo o noso futuro.
O que ocorre é que a peli non pode fuxir de certos “visios” típicos do cine americano: ten que haber unha historia íntima e individual. É a historia do propio Al Gore, do cambio de mentalidade que supuxo o feito de que seu fillo estivese a piques de morrer, ou de cómo a súa familia deixou de cultivar tabaco tras a morte dunha irmá de cancro de pulmón. Eu considero que o público é quen de sensibilizarse coas desgracias que a nosa irresponsabilidade poden causar ás futuras xeracións sen necesidade de coñecer a historia do coitado fillo de Gore. Por outro lado, entre tanto dato autobiográfico, chama a atención que non faga máis mención da responsabilidade da administración Clinton, da que foi vicepresidente o noso protagonista, na situación actual do clima. Advírtovos, se o señor Gore non vos cae simpático, acabaredes a película empachados.
En definitiva, Unha Verdade Incómoda é un filme que todos deberiamos ver. Ten o grandísimo mérito de levar con rigor á rúa a preocupación polo problema do cambio climático (se vedes a peli ides quedar realmente sen ganas de ter fillos...). A iniciativa e a campaña de Gore son realmente encomiables. Mágoa que para chegar ao público caia en certos tópicos do cine americano, pero é que se trata dun filme feito para o público americano, non hai que esquecelo. Quizais sexa moito pedir, para unha peli que, máis que boa ou mala, é necesaria.
Voltar a Cinema
Ir á Portada
|
|