Publicidade
Contacto
|
*Sunshine
PUNTUACIÓN ARROUTADA: 4
07 de maio de 2007 Danny Boyle deuse a coñecer con Trainspotting en 1996. Nos anos seguintes dirixiu poucas películas, e cun resultado irregular. Dá a impresión de que tenta fuxir do "estigma" que supón ter rodado ese psicotrópico filme de culto, paseando polos xéneros e buscando abeiro nos grandes medios de Hollywood. Sunshine parece un intento máis de se diversificar a súa carreira, neste caso no campo da ciencia ficción.
Sunshine colócanos nun futuro hipotético no que o noso Sol morre. A única esperanza de salvalo, e de salvar á humanidade consecuentemente, consiste en colocar unha inxente carga nuclear na superficie da estrela (ao final todo se soluciona igual...). Enviouse unha primeira misión. Fracasou. Agora asistimos á segunda que, por suposto, é a derradeira esperanza da humanidade, dado que non queda combustible nuclear suficiente no planeta para unha terceira. Terán éxito? Descubrirán que lle aconteceu á primeira expedición?
O comezo de Sunshine é convincente. Correcto, con bo ritmo, sen excesivas concesións ás mostras de heroísmo e aos fogos de artificio tan típicos no cinema ianqui. Consegue marcar distancias con "xoias" como Deep Impact, Armaggedon ou Space Cowboys que tamén afrontaban supostas ameazas espaciais. O filme semella moi coidado no asesoramento científico, sendo rigoroso no que respecta ao funcionamento da nave e na problemática da misión, e tentando transmitir a fascinación que supón achegarse ao corazón do noso sistema planetario. Sen embargo fáltalle algo. Tensión narrativa? Tensión interpretativa quizais? O caso é que sendo agradable tampouco transmite ningunha razón especial para xustificar o abono da entrada. Temos a sensación de que falta algo.
E é aquí onde, ao meu xuízo, o filme falla. A busca dese chisco de sal que faltaba faise recorrendo ao oitavo pasaxeiro de turno. Un monstro sádico que, de feito, consegue o obxectivo de crear tensión, pero tamén aburrimento. O filme pasa a ser predicible, con referencias excesivamente próximas na nosa mente a películas como Alien, Horizonte final (demasiados parecidos con esta última) ou Pesadelo en Elm Street (se a vedes saberedes por qué ;-)).
En definitiva, Sunshine non é un filme que te faga desexar a morte de ningún produtor, pero tampouco xustifica o prezo da entrada. Fría ao comezo e pouco orixinal e previsible ao final. Isto non quita que teña elementos interesantes para os afeccionados á ciencia ficción. Para os demais, prescindible. A vida é corta é hai moitos filmes que ver.
Voltar a Cinema
Ir á Portada
|
Publicidade:
|