Publicidade
Contacto
|
*O Ilusionista
PUNTUACIÓN ARROUTADA: 6
O filme escollido para comezar con esta sección é O Ilusionista, escrito e dirixido por un tal Neil Burger, e baseada nunha historia curta de Steven Millhauser (pouco máis e ten o mesmo apelido que o colega gafotas de Bart).
A película narra unha especie de triángulo amoroso con crime de por medio na Viena de comezos do século XX. Os vértices deste triángulo son o Príncipe Leopoldo, herdeiro do Imperio Austríaco, Sophie, unha moza de familia aristócrata e Eisenheim o Ilusionista, un misterioso mago cuns poderes que parecen sobrepasar a simple habilidade coas mans. Sophie e Eisenheim viviron un romance de nenos que foi abortado debido á humilde orixe social do protagonista. Logo de percorrer mundo na procura dos secretos da maxia, Eisenheim atoparase en Viena co seu antigo amor. A partir dese momento comeza a tecerse unha tea de araña entre os personaxes, converténdose nunha peli de intriga.
O protagonista é Edward Norton, un actor que quizais non teña tantos rexistros como desexaría pero que é do máis decente que hai por Hollywood. Terá como rival–admirador ao xefe de policia Uhl, esbirro do príncipe Leopoldo, interpretado por Paul Giamatti, un actor que recordo con cariño pola súa aparición en Entre Copas; o que non me gustou tanto foi a súa dobraxe. Para moza da peli escolleron a unha actriz riquiña que a moitos vos resultará familiar. Efectivamente, era a filla maior do reverendo nesa serie ñoña e carca chamada Sete no paraíso, que trataba de converternos en antiabortistas ao tempo que tomabamos os choco crispies nas mañás de verán.
O certo é que o filme non me chamou a atención no comezo, parecía lineal e intranscendente, pero vai medrando no transcurso, xerando unha sensación de misterio e intriga que mantén vivo o interese, até acadar o sorprendente final. O espectador vaise sentindo paulatinamente máis identificado coa perspectiva do xefe de policía, personaxe que tamén medra ao longo do filme, e que non resulta tan plano como podería semellar ao comezo. Quizais a resolución final deixe algún cabo solto, e poida que mesmo fose máis bonito deixala máis aberta as conxeturas dos espectadores, pero queda igualmente resultón. A interpretación do príncipe, a cargo dun tal Rufus Sewell, tamén me gustou, tentando fuxir un pouco do papel convencional de malo que todos lle asignamos nada máis velo. No tocante a decorados e vestiario, o filme nótase moi coidado e correcto, sen tampouco facer alardes que, posibelmente, se escapaban ao orzamento.
En resumo, O Ilusionista pareceume unha boa película, que consegue manter o interese do espectador. Sen tratarse de ningunha marabilla, nin ter unha relevancia ou aspiracións especiais, polo menos consegue que saias do cinema con algo que comentar e sen a sensación de ter sido estafado.
Voltar a Cinema
Ir á Portada
Ver Anteriores
|
|