Publicidade
Contacto
|
*Diamante de sangue
PUNTUACIÓN ARROUTADA: 3
07 de marzo de 2007 A acción deste filme de Edwad Zwick sitúase en Serra Leona. Alí mestúranse as historias dun contrabandista de diamantes sen escrúpulos (Leonardo DiCaprio) e un home que perdeu á súa familia e foi obrigado polos rebeldes a traballar na extracción de diamantes como escravo (Djimon Hounsou). El busca ao seu fillo e posúe algo que o contrabandista busca: un diamante de valor excepcional.
Esta película ten un valor importante por si só: dar a coñecer a terrible situación que viven moitos países africanos, nos cales a vida non vale nada, e como ese sufrimento da froitos que enriquecen a moitos, a miúdo coa nosa colaboración. O feito de que as principais compañías que se adican á venta e importación de diamantes incrementaran notablemente os seus gastos publicitarios ante a aparición do filme fala por si mesmo.
É de agradecer tamén a excelente fotografía. As fermosas paisaxes africanas aprécianse nun esplendor que choca coa crudeza dos acontecementos.
Ate aquí os comentarios positivos. Estas loables intencións vense perxudicadas por un argumento e unha posta en escea cos peores defectos made in hollywood. Se xa comentei no caso de "Unha verdade incómoda" cómo a película (recente gañadora de Óscar) quedaba deslucida por guiños sensibleiros ao público ianqui, aquí estamos ante algo similar.
Os personaxes carecen de credibilidade. O traficante interpretado por DiCaprio é un auténtico despropósito. Un home curtido como paramilitar en múltiples guerras que de súpeto se entrega a unha causa nobre. A interpretación é pésima: DiCaprio debería asumir as súas limitacións. Para semellar un tipo duro non chega con poñer ceño fruncido e soltar brabuconadas sobreactuando durante dúas horas. En ningún momento resulta minimamente crible que esteamos ante un curtido veterano de guerras.
Como non podía ser de outro modo, ten que haber unha moza. A beleza natural de Jennifer Connelly non xustifica a presencia do seu personaxe, máis que polo imperativo de que non pode faltar unha historia de amor. Poderían ter optado por crear un bo personaxe que exercese de periodista idealista, pero non é o caso. O tira e afloxa entre a parexiña faise tedioso e non ven a conto.
Djimon Hounsou estaba nominado ao Óscar polo seu papel de home atormentado na busca de seu fillo. Eu penso que a estas alturas estamos preparados para ver algún día a un negro africano que non teña que cumplir os tópicos de bondade infinita, inocencia e demais. En definitva, tratalo como a un personaxe de verdad, coa súa complexidade. Pero era demasiado para esta peli de personaxes planos e motivacións simplistas.
No tocante ao ritmo e a construción da película, a súa duración (138 min.) resulta totalmente excesiva, engordada a base de esceas de lucimento de DiCaprio e de flirteos que son absolutamente prescindibles. Ademais, da metade cara o final da cinta, prodúcese un tremendo baixón do ritmo. O filme comeza moi forte e trepidante, con moita acción e violencia, para xusto languidecer no que debería ser o clímax. Polo demais, non dubido de que a violencia do filme é pouca comparada coa realidade africana, pero penso que certas esceas non eran necesarias, a menos que se teña que recurrir a toneladas de sangue para xerar nos espectadores unha sensibilidade que a película non é quen de producir por si.
Logo hai detalles menores, como que os paramilitares africanos semellen máis pandilleiros do Bronx por veces, ou que se trate deliberadamente de evitar a responsabilidade dos americanos na situación relatada, cando son os primeiros importadores de diamantes do mundo con moitísima diferenza (a empresa "mala" ten un nome de orixe holandés).
En definitiva, "Diamante de sangue" constitúe a mellor proba de que as boas intencións e o bo cinema non sempre van da man.
Voltar a Cinema
Ir á Portada
|
Publicidade:
|